Cativos e cativas dos centros María Inmaculada e Amaro Refojo, de Verín; do CEIP de Medeiros e do CEIP de Vilardevós desprazaronse ata o auditorio para tomar parte nesta iniciativa.

360 cativos participan na primeira xornada de Cinema Marabillas

Un total de 360 escolares de Verín e comarca participaron na primeira xornada de Cinema Marabillas, a actividade do FIC Vía XIV de Verín deseñada para involucrar aos máis novos no certame. Rapaces dos colexios María Inmaculada e Amaro Refojo de Verín, do CEIP de Medeiros e do CEIP de Vilardevós tomaron hoxe parte na iniciativa, que se desenvolverá tamén mañá e pasado coa participación doutros centros educativos.

“Ver para ler” é o eslogan co que se presenta a actividade Cinema Marabillas, que o FIC Vía XIV desenvolve para achegar a maxia do cinema aos cativos da man de Raquel Queizás. Nesta edición, o fío temático da actividade liga o cinema coa literatura infantil e xuvenil. Así, durante a mañá programaronse algunhas das primeiras adaptacións cinematográficas inspiradas en contos e libros clásicos.

Personaxes ben coñecidas
Os protagonistas desta actividade son, pois, personaxes ben coñecidas para todos os nenos e nenas, que teñen centrado algunhas das máis belas historias narradas no cine: Alicía no País das Marabillas, Peter Pan ou O Mago de Oz.

Xunto a isto, os rapaces que participaron na iniciativa puideron desfrutar dunha mostra de curtas, apta para todas as idades, seleccionadas pola organización do FIC Vía XIV.