Esta edición desenvolverase do 19 ao 22 de decembro baixo o lema “Cultura ata a medula”, dedicada aos doadores de medula ósea.

Un Festival Internacional Rebulir do máis solidario

A XIV edición do Festival Internacional Rebulir (FIR) mergullará a Ourense na cultura de raíz, do 19 ao 22 de decembro, cun amplo programa de actividades que se desenvolverá baixo o lema “Cultura ata a medula”, dedicada aos doadores de medula ósea. Rebulir volverá a achegar mostras da cultura e da tradición a tódolos públicos, cunha gala central que terá lugar o vindeiro sábado, 21 de decembro, no complexo polideportivo de O Picouto, en Ramirás, onde se darán cita sete agrupacións procedentes de España, Portugal, Senegal e Paraguai.

Novidades
En canto ás novidades desta XIV edición, será o actor Pepe Penabade o presentador da gala central do Festival, onde representará a súa personaxe do afiador Rudesindo da Barrosa. Outra das novidades deste ano é o proxecto que se realizou nos últimos meses no Centro de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago de Compostela onde os mozos do obradoiro de cerámica elaboraron as lembranzas que se entregarán no FIR. Un proxecto que “fai que o festival cobre aínda máis sentido por medio desta colaboración, xa que a diversidade non só pasa polo eido cultural”, sinalou o director artístico do FIR.

A gala central do Festival, prevista para as 19 horas do vindeiro sábado, 21 de decembro, no polideportivo de O Picouto, acollerá as actuacións de seis agrupacións, ademais do colectivo anfitrión, Rebulir. Nela, amosarán o seu folclore a Banda de Gaitas de Noreña xunto con Grupo Xeito (Asturias), Grupo Coral Bafos de Baco (Portugal), Grupo folc. Ciudad de Cádiz (Andalucía), Compañía Internacional Jeruti (Paraguai) e Ballet Dakar (Senegal).

Na gala tamén participarán os galardoados cos Premios Rebulir da Cultura Galega 2019 que son: Antonio Durán “Morris”, pola súa traxectoria nos medios audiovisuais; Rosa Cedrón, no eido da música galega; e representación da Coral de Ruada, que recibirán o premio homenaxe.