As actividades celebradas durante o pasado ano atraeron a máis de 113.000 visitas e a 956 expositores de 38 países.

Expourense reforzou no 2019 o seu papel de dinamizador socioeconómico

A Fundación Expourense presenta os datos de 2019, 12 meses intensos que contribuíron a reforzar o papel de Expourense como centro de negocios internacional para as empresas galegas e como a gran referencia para o atletismo galego e do resto de España. Ademais, os eventos de carácter local, autonómico e nacional celebrados no recinto (o dobre que no ano anterior), comezan a situar a Ourense no mapa de cidades receptoras do turismo de negocios e reunións (sector MICE), máis alá das propias feiras.

Durante o 2019 Expourense celebrou 11 feiras, 2 das cales (Xantar e Termatalia) foron de carácter internacional o que supón que Expourense organizou a metade das citas internacionais celebradas en Galicia o ano pasado. As feiras, os 34 eventos organizados no recinto e as 14 competicións deportivas reuniron en total a máis de 113.000 visitas procedentes de 38 países. Estes datos constatan o papel de dinamizador do territorio e de referencia internacional que xogan as feiras e eventos organizados polo recinto.

Todos os certames contaron coa presenza de 956 expositores, unha cifra que se mantén con respecto a anos anteriores, o que indica o bo grao de fidelización e confianza das empresas e institucións polos proxectos levados a cabo por Expourense.

Estas cifras confirman a Expourense como unha plataforma que contribúe, a través da organización de citas únicas, a fomentar a competitividade das empresas galegas e a facilitar contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a enogastronomía, o turismo activo, a automoción ou a industria funeraria.

Por todo o anterior, as feiras e eventos promovidos por Expourense exerceron de axente dinamizador da actividade económica galega conseguindo ademais a involucración dos empresarios e fomentando o asociacionismo.

Feiras Internacionais
Expourense celebrou en 2019 dúas das súas feiras recoñecidas co Selo de Internacionalidade outorgado polo Goberno de España. A primeira delas foi Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que celebrou o seu vixésimo aniversario cunha edición que contou con Brasil como país convidado, cunha masiva presenza de expositores e visitantes do Norte de Portugal, con 12 países representados e cun programa de actividades que superou as 200 experiencias.
A outra gran cita internacional do ano foi Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, de Saúde e Benestar que se reafirmou unha vez máis como a gran cita mundial do turismo de saúde reunindo a profesionais de 34 países. Unha das novidades foi a celebración, de xeito paralelo e complementario de dous eventos internacionais incluídos na denominada “Semana Termatalia”: o Congreso Internacional de Termalismo 2021-2027 sobre termalismo e reto demográfico organizado polo proxecto “Raia Termal” que lidera a Deputación Provincial de Ourense e o III Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida liderado polo Campus da Auga da Universidade de Vigo-Campus de Ourense.

Calendario feiral
De carácter bienal, no 2019 celebrouse a oitava edición de Ourense Vinis Terrae, Salón dos Viños e Licores de Calidade de Galicia, que contou co decidido apoio da Deputación provincial de Ourense que se veu sumar ao que prestou da Consellería do Medio Rural a través da AGACAL. Ambas as dúas entidades facilitaron a participación neste centro de negocios internacional de pequenas adegas e colleiteiros. Os adegueiros mantiveron máis de 1.000 citas con compradores e importadores procedentes de 14 países.

Polo número de participantes, máis de 10.000, outra das grandes citas feirais do ano foi a terceira edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo. Foi o escenario elixido por 36 federacións e clubes deportivos para celebrar campionatos e torneos de carácter provincial e autonómico e que ofreceron un programa con máis de 60 actividades. Unha das novidades desta edición foi o uso da pista de atletismo coa que conta o recinto.
Pola súa parte, Antiq Auria, Feira Internacional de Antigüidades, coorganizada coa Asociación “Memoria Antiga” de Ourense, celebrou no 2019 dúas edicións, nos meses de xuño e novembro congregando cada unha delas a 50 expositores de 4 países.
Tamén se celebrou unha nova edición de Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, o único salón destas características en Galicia e que consegue a involucración activa de todos os axentes vencellados á prevención. Entre as novidades destacou o simulacro de evacuación do Pazo dos Deportes “Paco Paz”.
Expourense tamén organizou en 2019 citas orientadas ó público xeral de carácter comercial que convocaron a diferentes sectores, servindo de plataforma especialmente para o comercio local e contando co apoio de asociacións empresariais como é o caso de A.C.A.U.T.O. (Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense). Con esta última, Expourense coorganizou no 2019: o 2º Car Outlet e a 11ª edición do Salón do Automóbil (Novo e de Ocasión). Foron tres citas que xeneraron un gran volume de negocio cun total de 569 vehículos vendidos.
No 2019 cumpriu a súa 20ª edición Celebra, Salón de Vodas, Bautizos, Comuñóns e Actos Sociais que volveu contar cunha pasarela de moda na que as empresas ourensáns mostraron a calidade e a innovación coa que traballan.

Eventos
As instalacións de Expourense foron o escenario elixido para a organización de 34 eventos alleos ao calendario feiral do recinto, o dobre dos organizados no ano anterior. Estas citas indican que outras empresas confían nas infraestruturas, versatilidade e soporte de Expourense para organizar as súas actividades. O equipamento tecnolóxico deste recinto feiral na actualidade, sumado ás súas infraestruturas e instalacións, convértenno nun referente no sector MICE (organización de feiras, eventos, congresos e incentivos) de Galicia.
Entre os eventos celebrados en 2019 destacaron: os mítins e asembleas de distintos partidos políticos; a Convención Nacional de Empregados de Adolfo Domínguez; o 1º Escaparate do Comercio Ourensán; o Technium R Encounter; o Campionato Galego de Kickboxing; os concertos das Festas do Concello de Ourense ou a gala de entrega do IV Premios Paraugas da Comunicación ou o Marketing de Galicia.
Actividade deportiva
Dende finais do 2017, Expourense conta cunha pista de atletismo cuberta, unha das tres de España e unha das mellores de Europa. Durante o 2019, a pista acolleu a celebración de 14 probas deportivas organizadas a grande maioría delas pola Federación de Atletismo de Galicia coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte. Estas probas convocaron ó longo do ano a case 20.000 visitas, o que supón un importante pulo de atracción de deportistas á cidade. Entre as probas desputadas destacou o XXV Campionato de España Master.

Formación
No 2019, Expourense fixo un importante esforzo á hora de promover, organizar e acoller xornadas, cursos e seminarios de formación ou actualización profesional. Nas diversas convocatorias, ben complementando ás feiras ou de xeito individual, participaron máis de 551 relatores nacionais e internacionais. Foron seguidas por máis de 12.000 asistentes.

No eido da formación, a principal novidade do ano foi o 1º Congreso Ibérico de Turismo Deportivo, celebrado de xeito paralelo e complementario a Sportur Galicia. Contou coa participación dunha vintena de expertos de Galicia e Portugal e con 300 asistentes. Este Congreso estivo organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte, a Axencia Galega de Turismo, a Deputación Provincial de Ourense e Expourense e contou coa colaboración da Asociación do Deporte Español e da Concellería de Turismo de Ourense.

Entre as actividades de formación que xa teñen o seu oco no calendario da Fundación destacou a celebración do 7º Foro da Comunicación de Galicia que reuniu a 300 asistentes e o 13º Simposio Internacional sobre Enerxías Renovables que convocou a un cento de profesionais.