O Concello habilita a web para pedir cita previa nas piscinas de Oira.

Para darse un chapuzón, piscinasmunicipaisourense.com

O Consello Municipal de Deportes habilita o espazo web piscinasmunicipaisourense.com para solicitar cita previa para as piscinas de Oira, cuxo aforo está reducido seguindo as indicacións das autoridades sanitarias: a Xunta de Galicia decreta que só poderá ocuparse o 75% do aforo. Ademais da cita previa para o control de aforo, o Concello obrigará tamén a respectar as medidas de seguridade, caso do emprego de máscaras, o uso de xel hidroalcólico ou a distancia social.
Efectuarase unha limpeza á maña, con valdeo de paredes, e outra ao mediodía, entre as 15:30 e as 16:30 horas.

Cita previa
O mecanismo para acceder ás piscinas é sinxelo: só hai que acceder ao espazo web http://piscinasmunicipaisourense.com/ e seleccionar a data ou datas e a quenda elixida (polas mañás, de 11:00 a 15:30 h, ou polas tardes, de 16:30 a 21:00 horas). Para finalizar a reserva, debe aceptarse a normativa de uso da COVID-19.
Poderá facerse para un máximo de dous adultos e tres nenos (menores de 14 anos); non se pode reservar días seguidos; o prazo de reserva é, como moito, para os sete días seguintes á data da reserva.
As persoas que non teñan acceso a dispositivos móbiles poderán retirar o ticket nas instalacións do pavillón dos Remedios no horario de atención ao público.
As persoas maiores 70 anos terán acceso prioritario na quenda de mañá.

Acceso e medidas de seguridade
O recinto estará marcado por unhas frechas laranxas no chan que guiarán o acceso dos usuarios. Dentro do recinto débese usar máscara protectora, salvo no vaso. O xel hidroalcólico debe utilizarse previamente ao acceso á instalación e aos vestiarios. Dentro, haberá que manter distancia entre grupos, de 1,5 metros como mínimo.

Cada 30 minutos emitirase unha mensaxe pola megafonía para lembrar todas as medidas de seguridade, así coma o emprazamento dos diferentes servizos. Así mesmo, o servizo de vixilancia -tanto socorristas coma o persoal contratado para a ocasión- explicará aos usuarios todas as dúbidas que poidan xurdir durante os primeiros días, no relativo ás medidas de seguridade coma ao funcionamento do servizo de cita previa.