Desde a Ponte... a Monterrei!

A Torre das Damas

Os da miña xeración en Verín, cando eramos cativos pasabamos as longas e calorosas tardes de verán, ocupados con clandestinas escapadas, os recunchos máis alonxados do barrio, e como non podía ser doutra maneira, Monterrei era o lugar preferido de todos nós, coma foi tamén, sen dúbida, para os nosos pais e avós noutros tempos. Daquela, cruzar o Támega cara a San Lázaro comprometíanos a conciencia, xa que na casa sempre puñan o límite ata onde podiamos chegar. Coa liberdade da inocencia, e sen ter en conta moitas veces os consellos dos maiores, emprendiamos a subida polo fermoso e inigualable Camiño Real, ata o cumio divino. Ao chegar ás portas da fortaleza, a revisión do armamento e a visita aos lexendarios e desgastados cañóns do primeiro andar, eran unha obriga e, como non, discutir a cabalo deles, sobre a distancia onde chegarían daquela os proxectiles.

Uns dicían ata Pazos, outros ata o monte Ladairo e outros ata a mesma cidade de Chaves; a imaxinación bélica daquela era bárbara! Despois, paseniño, iamos percorrendo a fortaleza recuncho a recuncho, sen deixar que ninguén nos impedira dar un paso cara adiante.
Na praza de armas, acougabamos un anaco as ansias da escalada, antes de conquistar a imponente e maxestuosa Torre do Homenaxe, que nos puña a pel de pita só con ollala dende o chan estirados, mirando cara arriba, mentras reposabamos. Mais a ansia de conquista e aquela desmedida imaxinación, que nos transportaba a épocas pasadas, coido que alomenos para min sempre quedaba mermada por aquela espiña cravada, de non poder coa coqueta e misteriosa Torrre das Damas. Aquela torre inexpugnábel, que se resistía, como as damas fermosas, a ser cotexada doadamente.
Toda unha vida ollando a magnitude da sinfonía que desprende a súa sobria e refinada arquitectura de carácter militar, sendo a parte da fortaleza máis antiga, despois da igrexa, inmutable no tempo e que, segundo din os antergos, a puntiño estivo de virse ao chan, alá polos anos 40 por mor dunha deixadez e abandono incomprensible.

Xamais pensei que se puidera superar a fermosura das vistas incribles que otorga a Torre da Homenaxe. Estes días, despois de moitos anos de espera, puiden conquistar a máis fermosa, a máis linda doncela do val do Támega, a infranqueable Torre das Damas, no Pazo dos Condes en Monterrei. Coas mesmas mañas de cando era neno, furguei nas remozadas entrañas do Pazo, ata topar coa escada sagrada que me levaría ata o ceo, o recuncho que xamais ollara, e que era como un desafío pendente no corazón.

Subín sen présa as escalinatas, rachando o misterio dunhas pedras inmaculadas que deixaban mensaxes a cada paso. A luz limpa e cristalina penetraba polo portón do cumio, e mentres acurtaba a distancia coa cima, a inmensidade íase abrindo aos meus ollos, que ao divisar semexante paisaxe, nubláronseme as imaxes por un intre, coas doces bágoas espontáneas dun sentimento que aflorou, e que non hai verbas para describilo. Entón, cando ollei cara á outra torre, a gran torre, a inmensa mole de pedra que nos custodia, e temos a sorte de contemplar día a día, e cunha firme sensación de liberdade, coma un paxaro ceibe no paraíso, poiden dar conta, que as damas, as pequenas e fráxiles damas, son as donas do mundo, porque teñen outra visión, outra perspectiva, outra mirada, e serán por sempre, indiscutiblemente, as raíñas das nosas vidas.

Miguel A. Prieto “Chitín”