Crease a web restaurantesourense.com para pedidos online a domicilio.

Carlos Domarco: «A web é moi fácil de utilizar, tanto para o restaurante como para os clientes»

Chaga restaurantesourense.com na que se aglutinan unha ampla variedade dos restaurantes da cidade. A plataforma permite pedir, de xeito sinxelo, o teu menú predilecto do teu restaurante favorito. Carlos Domarco, un dos seus promotores falanos dela.

Que é Restaurantes Ourense?
Carlos Domarco: «Restaurantes Ourense é unha plataforma web de pedidos online a domicilio, ou para recoller en local, que nace coa finalidade de apoiar ao comercio local nun momento no que o necesita máis que nunca».

Como xurdiu a idea?
C.D.: «A idea do proxecto vén de finais do pasado ano. En xaneiro deste ano comezamos a darlle forma coa intención de sacar á luz unha guía de toda a hostalaría ourensá, para, co tempo, ir aumentando a oferta con varios servizos: reserva de mesa, repartición de comida a domicilio, etc. Un dos socios ten ampla experiencia na creación de páxinas web polo que se ocupa da parte técnica das webs, e outro na parcela comercial, relacións cos hostaleiros e xestión de carta, menú, promocións».
>> «Co confinamento de marzo tivemos que darlle a volta ao proxecto e comezar polo final, a repartición de comida a domicilio, que era o que máis demandaba o momento que atravesabamos. Os primeiros restaurantes comezaron a traballar connosco en maio aínda que foi a primeiros de xuño cando se lanzou oficialmente a plataforma e a web xeral de pedidos».

Que lle ofrecedes ao local que se promociona na vosa plataforma?
C.D.: «Ofrecemos proximidade polo que ante calquera inconveniente imos estar ao outro lado do teléfono e imos solucionar as dúbidas ou incidencias ao momento. O hostaleiro ten unha vantaxe clara: o aforro nos gastos de xestión dos seus pedidos online. O cliente final ao utilizar a nosa plataforma está a colaborar dalgunha maneira cos restaurantes da cidade aforrándolles diñeiro, cousa que é de agradecer tal e como está o tema nestes momentos.
A web é moi fácil de utilizar, tanto para o restaurante como para os clientes. Non traballamos con comisións abusivas, traballamos cun gasto fixo mensual de 50 euros, que dista moito das porcentaxes das grandes plataformas que roldan entre o 15% e o 32%, polo que o aforro para o restaurante é moi grande».

Entendo que o que pretendedes é que o cliente atope nun único lugar toda a variedade de produtos que ofrecen os restaurantes ourensáns.
C.D.: «Si, deséñaselle a cada cliente a súa propia web de pedidos, coas súas cores e logo do seu restaurante, carta para pedir, gastos de envío personalizado e sistema de cobro propios, como pasarela bancaria propia implementada co banco que traballa habitualmente, ademais dunha web xeral (www.restaurantesourense.com) na que están todos e que serve á súa vez de directorio».

Cales son os pasos a seguir para realizar un pedido?
C.D.: «Para realizar un pedido o cliente entra en restaurantesourense.com na que están os 18 restaurantes que están abertos nestes momentos, temos a algúns pechados e 12 están en lista de espera.
Unha vez aí poden buscar por tipo de comida, por restaurante… Unha vez elixes o restaurante lévate á súa carta de prezos, horario, custo de repartición, fotos dos pratos, etc. Ao darlle ao botón de pedido entras na súa propia páxina web na que se poden elixir os produtos que se desexan ordenados por categorías e cunha breve descrición destes. Unha vez elixidos lévache ao Carriño no que se pode pagar contra reembolso ou pasarela de pago, dependendo do local, despois só queda gozar da túa comida preferida na comodidade da túa casa».