Desde a Ponte... a Monterrei

Seguindo unha estrela

De cativo, sempre escoitei falar de Xesús de Nazaret. O certo é, que Xesús, foi nado en Belén, unha pequena aldea ao carón das montañas de Judea, na lónxana Palestina. Tiña pendente esta viaxe, e no derradeiro intre do Nadal, saquei pasaxe con rumbo ao paraíso. Foi un seis de xaneiro. Os Magos de Oriente, buscan o neno recén nado, seguindo u00nha estrela. Cando chegas a Belén, non estás só.

De súpeto, unha dama fermosa con alma branca, espera a túa chegada, agárrate do brazo e guíate con agarimo. Na entrada da cidade, hai unha gruta profunda, onde un febre berro de esperanza, alóngase en forma de eco. As xentes do lugar, seguen a rutina da vida. Os artesáns defenden os oficios milenarios e os traballos do campo, representados con vivos movementos, transmiten xenerosidade. Un regato corre cristalino, e racha o silencio. Ao carón dos pastores, pace un rabaño pretiño do portal. Polas fiestras das casiñas, sae a luz amarela da sabedoría. Camiñamos, por carrouchos empedrados, cheos de area e po, sen perder detalle do que acontece.

No firmamento, hai un certo misterio. A dama da alma branca, detense un intre, e coa mirada verde, sinala unha estrela, que reluce, na cima dun alpendre. O rumor do vento agocha os lamentos. De lonxe, ollamos a máxia do Nadal. O berce está baleiro, e o neno, acouga en brazos do seu pai. Unha estampa única e irrepetible.
As candeas alumean para dar calor nos fogares. Estamos na aldea da fantasía e do misterio. O pazo de Herodes e a casa do escudo, asemellan a Monterrei. Os viñedos e os paraxes, xunto coas fraguas que escachan muxícas ardentes, coma os amores escondidos, fan que me lembre do meu pobo. Son parodias da vida, que teñen mensaxes ocultos. Os sanitarios reciben a homenaxe merecida. As monxas do asilo, queren ver a Xesús. O percorrido faise ameno, e a pouco, doume conta de que Oriente non está tan lonxe. Un anxo inmaculado proclama a voces, que o ceo está en Verín, no entrañable e maxestoso “Belén da Viruca”. O bisavó Enrique, deixaba a mesa ceibe de fíos e telas para representar o seu en San Lázaro. Daquela, o xastre transmitiu a Pepe, esta máxica labor para que máis tarde, a dama da alma branca, collera as rendas desta bendita tradición. Coido que, as herdanzas que van de pais a fillos, sempre xorden de maneira extraordinaria. Hoxe está a terceira xeración.

Os comenzos non foron doados, pero a constancia e o infinito empeño de seguir animando o Nadal, fixo que paseniño, a paixón e a creatividade fora medrando, ata chegar a conquerir, esta monumental e grandiosa obra de arte. Coñezo ben a historia. Esta reliquia, non é so unha actividade do Nadal. Sei a boa fe, que do máis fondo das entranas, sae unha oración en silencio, un ofrecemento persoal e intimo, que sen lugar a dúbidas, mostra un firme compromiso cos demais, recibindo so a cambio, un camiño limpo de obstáculos, para que as vindeiras xeracións, prolonguen o meigallo, e así poder ter a certeza, de que Elvira Gonzalez, “Viruca”, a dama da alma branca, siga mantendo a fervente paixón, de seguir agasallándonos, ano tras ano, con esta viaxe tan fermosa.
Unha aperta.

Miguel A. Prieto “Chitín”