Reclama unha reunión para reconducir o proxecto.

De “Intolerable” cualifica Jácome o rexeite as alegacións, por parte do Ministerio, da estación intermodal

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome considera “intolerable” que o Goberno central rexeite as alegacións realizadas por Democracia Ourensana e por diferentes asociacións e entidades da cidade ao estudio informativo da estación intermodal. Pérez Jácome entende que o modelo de integración recollido no estudio informativo aprobado onte polo Ministerio de Transportes “non resolve a permeabilidade do barrio, mantén o muro da vergoña, xerará posibles colapsos na rúa de Eulogio Gómez Franqueira e deixa dúbidas sobre o financiamento dalgunhas das actuacións”.

O rexedor entende que o proxecto de estación supón unha “claudicación dos dous grandes partidos estatais”, logo de “moitos anos de rebaixas das expectativas que se crearan na cidade, que gradualmente a sucesión de gobernos de PP e PSOE en Madrid veñen defraudando”. Pérez Jácome lembra que desde Democracia Ourensá “apostamos desde o primeiro momento polo soterramento integral no trazado urbano e nesa demanda vímonos practicamente sós”.

O alcalde remitiralle unha carta ao Ministerio solicitando unha reunión da comisión de seguimento do convenio marco de colaboración entre administracións para este proxecto, coa solicitude de que se realice no prazo máis breve posible.

Ocasión histórica perdida para a cidade
Coa publicación no día de 3 febreiro no Boletín Oficial do Estado, da aprobación definitiva do estudio informativo da estación intermodal de Ourense queda definido o modelo de integración da alta velocidade en Ourense.
Con el remata un proceso, explica o alcalde, no que “foron moitos anos de tramitación e de rebaixas nas expectativas que se crearon na cidade e que gradualmente a sucesión de gobernos en Madrid PP-PSOE viñeron defraudando. Nós, desde Democracia Ourensana -explica Jácome-, apostamos desde o primeiro momento por un soterramento integral no trazado urbano e nesa demanda fomos quedando practicamente sós. Cando o PP modificou o proxecto de Norman Foster e tivemos oportunidade de expoñer alegacións, fixémolo, e non foron atendidas”.

Así, conclúe, co acordo coñecido onte, “o goberno socialista dá por boa esta reforma e segue desatendendo non só as nosas alegacións senón mesmo as que no seu momento expuxera o seu propio grupo municipal con Vázquez Barqueiro á fronte, que chegou a cualificar de pendello acristalado a nova estación”.

Por todos estes motivos, sostén Pérez Jácome, “para nós non só estamos ante unha ocasión histórica perdida senón que poderiamos definir todo este camiño, como a historia dunha claudicación. Claudicación por parte dos dous grandes partidos estatais que tras anos de enfrontamentos polo modelo de integración urbana da alta velocidade, foron capaces de poñerse de acordo para levar a cabo o modelo que menos resolve as demandas cidadás”.

Carta ao Goberno central
O proxecto aprobado polo Goberno central, detalla o rexedor, “non resolve adecuadamente a permeabilidade do barrio da Ponte, mantén o que vimos denominando o muro da vergoña, xera posibles colapsos na rúa de Eulogio Gómez Franqueira, deixa dúbidas sobre o financiamento dalgunhas das actuacións previstas, e tampouco define que ocorre con 100.000 metros cadrados sobrantes, que o Concello reclama para a cidade”.

Motivos estes polos que lle remitirá unha carta ao Ministerio solicitando unha reunión urxente da comisión de seguimento do convenio marco de colaboración, na maior brevidade posible. A actuación xorde do convenio de marco de colaboración entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e a entidade pública empresarial ADIF Alta Velocidade para o desenvolvemento da futura estación intermodal de Ourense e a súa contorna, asinado o 22 de xuño de 2016.

SOURCE: estación intermodal