Conta cun espazo para fomentar a conciencia ecolóxica.

O Irixo estrea novo parque infantil cuberto

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou  o proxecto «Irixoga», un parque infantil cuberto destinado a fomentar a conciencia ecolóxica no que a Xunta colaborou no marco da Orde de Infraestruturas de uso público cunha achega de máis de 34.000 euros. Á visita tamén acudiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

O parque sitúase fronte ao pavillón municipal de deportes e accesible desde o CEIP da Virxe da Pena. O espazo conta con xogos adaptados a distintos rangos de idade, cun pavimento que garanta a seguridade e con catro parterres, un areeiro con pá e un mesa de traballo para que os nenos e nenas poidan adquirir conciencia do respecto do medio ambiente levando a cabo labores de plantado ou de coidado de especies vexetais.

En concreto, a construción, ampliación ou mellora das redes de luz pública; parques infantís, incluíndo a posta en marcha de parques cubertos como Irixoga ou a cubrición dos existentes; así como edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos municipais e instalacións deportivas de uso público, onde tamén se apoiará a mellora da súa accesibilidade e a dotación de equipamentos

Natalia Prieto destacou o compromiso da Xunta por manter o apoio que precisan os municipios para levar a cabo actuacións que contribúan a mellorar a calidade dos seus veciños e, sobre todo, a paliar as consecuencias económicas da crise sanitaria da covid-19 dos concellos en canto á prestación de servizos.

Delegado da Xunta
A visita aproveitouna o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, para analizar as principais demandas do concello.  O rexedor trasladoulle ao delegado territorial a necesidade de seguir a afondar na marca Irixo, mellorar o abastecemento de auga en varios núcleos do concello e información polo miúdo das vivendas de promoción publica.

Pola súa banda, o delegado fixo balance das inversións da Xunta de Galicia neste concello, destacando o recente anuncio da Consellería do Medio Rural de integrar, dentro da segunda fase do plan de pastos, montes veciñais do concello do Irixo, para promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais, traballar na anticipación aos incendios forestais e para garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural.

A Xunta leva investidos no concello do Irixo máis de 900.000 euros nos últimos anos en melloras ambientais e de infraestruturas como a creación deste parque infantil cuberto Irixoga ou a pavimentación de varias vías municipais. Tamén se inclúen actuacións que se enmarcan no Fondo de Compensación Ambiental, ao que o Goberno galego destina este ano 12 millóns de euros, para melloras de eficiencia enerxética no alumeado público ou na rede de saneamento e recuperación de espazos ambientais.

SOURCE: parque infantil no Irixo