Para manter reunións con alcaldes da zona e supervisar obras; ademais de achegarse á sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, percorreu a zona de Valdeorras para reunirse con alcaldes e supervisar obras. Tamén se achegou á sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.

Reuniuse coa alcaldesa do Concello de Petín, Raquel María Bautista, e co alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García. En ámbolos dous encontros analizou cos rexedores as principais demandas destes municipios en relación á Administración autonómica.

No caso do municipio de Petín, os principais asuntos que repasaron foron en materia social e turística. En canto ao concello do Barco, Gabriel Alén tivo a ocasión de analizar asuntos de promoción do emprego así coma en materia de medio rural. Ámbolos dous rexedores coincidiron no apio á candidatura presentada ao Goberno de España de fondos europeos do Plan de Recuperación para levar a cabo o acondicionamento da estrada autonómica OU -533 ente A Gudiña e a Rúa.

Visita obras
Tamén supervisou en Carballeda de Valdeorras, acompañado da alcaldesa, María del Carmen González, as obras de humanización das rúas travesía estrada de Entoma e Francisco Neira en Sobradelo, ao abeiro do convenio Hurbe nas que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda inviste 89.782,00 euros.

Tras percorren un treito das rúas, o representante do Goberno galego explicou que estas intervencións servirán para adecuar estes espazos público e recuperalos como unha área de interacción social, cunhas mellores condicións de seguridade para os seus usuarios.

As obras consisten na mellora da accesibilidade, demolendo o muro existente e ampliando as beirarrúas, así como a execución dunha rampla e substitución dos pavimentos. A rúa que conecta a zoa inferior da travesía da Entoma coa zona superior, denominada Travesía de Francisco Neira, conta cuns tramos de escaleiras e outra zoa de rampla que permite o acceso cara a contorna do concello. Conta cun pavimento deficiente e carece de varanda.

Polo que, as obras de humanización fundaméntanse en catro actuacións básicas: a eliminación da xardineira ao pé do estribo dereito da ponte baixo o ferrocarril; a mellora da accesibilidade dende o estribo dereito da ponte do ferrocarril en dirección á fonte de Sobradelo ata o edificio da estación; a mellora da accesibilidade na zoa da farmacia e rampla curva, asemade de acceso a rúa en pendente; e o acondicionamento da travesía Francisco Neira.

DO Valdeorras
Alén aproveitou a ocasión para visitar a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.

Tras un encontro de traballo cos representantes do Consello Regulador, no que expuxeron as demandas e necesidades do sector, o delegado territorial fixo un percorrido polas instalacións sinalando “a magnífica calidade destes viños, que se reflicte no seu permanente recoñecemento”. “Proba deu prestixio  -continuou o representante do Goberno galego-, foi a presenza na Guía de Viños, Destilados e Augardentes de Galicia 2021 que distinguiu con ‘Gran Oro’, o máximo galardón da publicación, un total de 21 referencias valdeorresas; co selo de ‘Oro’ cualificáronse 80 viños e co de ‘Plata’ un total de 40”.

SOURCE: O delegado da Xunta visita Valdeorras