A administración provincial adquire 52 novos vehículos.

Renovación no parque móbil da Deputación

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou a nave de maquinaria da institución provincial, no Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, para asistir á recepción de 52 novos vehículos que renovan a frota do parque móbil da Deputación “e que contribuirán a mellorar os servizos que ofrecemos a concellos e veciñanza en todo o territorio provincial”, destacou Manuel Baltar. Os novo vehículos, adquiridos por medio da modalidade de renting, son de baixa contaminación e están integrados no programa estratéxico de mellora continua de renovación da frota que a Deputación vén impulsando desde 2012 para seguir mellorando a eficiencia e as condicións de traballo.

O presidente do goberno provincial salientou que tanto o servizo de mantemento de vías provinciais como todos os demais que a Deputación desenvolve cooperando cos concellos “supoñen un compromiso de identificación co territorio por parte desta administración provincial, como tamén o é o feito de dotar de máis medios e recursos ao persoal, neste caso cunha frota de novos vehículos que van contribuír a mellorar as prestacións da Deputación”. Isto é unha consecuencia directa do estado económico da institución, con “débeda cero”, “que nos permite facer estas achegas, estas adquisicións, que teñen como obxectivo a mellora permanente dos nosos servicios”, expresa Baltar.

SOURCE: parque móbil Deputación