Entrevista a Avelino Jácome, director da revista “Nós, a Xente do Redor”

«Somos só unha manifestación da cultura que está dende sempre en estado latente nesta cidade»

Quen coñeza a Avelino Jácome é sabedor do inquedo que é, e se falamos do eido cultural aínda máis. En pleno confinamento deulle voltas á súa cabeza para sacar adiante un proxecto no que xa viña pensando. Agora, un ano despois de aqueles temerosos días, a revista “Nós, a Xente do Redor” é unha realidade que conta con dous números publicados e un terceiro que se retrasou a este mes de marzo polo falecemento de Fernando Gabelo, quen recibirá unha merecida homenaxe neste número. A publicación conta ser trimestral. Máis de medio cento de artistas levan colaborando nesta publicación.

Como xorde a revista “Nós, a xente do redor”?
Avelino Jácome: “Nace do confinamento, o feito de estar pechados dun día para outro, de súpeto, de xeito tan terríbel, levounos a pensar que podiamos facer algo pola cultura, pensar máis en positivo, vencendo o medo e poñendo uns grans de esperanza nunha situación tan difícil. Un grupo de artistas que nos xuntaramos ao redor da exposición de nome “A Xente do Redor”, na galería Tony Ferrer, onde o gran xenio do pintor Miguel Ángel Martínez Coello, presentou a colección de retratos dos persoeiros de Ourense, dende os máis coñecidos á xente do común, ese grupo de amigos e artistas foi a xénese.
Cando na miña mente xurdiu a idea, falei con eles e inviteinos a participar no proxecto, estiveron de acordo e puxémonos a elo, con esa xenerosidade inmensa que os caracteriza a todos. As mellores ideas non valen de nada se non se arrisca”.

Quen conforma a revista?
A.J.: “A revista é da xente de Ourense, porque Ourense ten os vimbios para facer o cesto dunha nova Atenas de Galicia. Pero a cultura ten que emerxer do pobo, da xente sinxela, que é a que ten as lembranzas da verdadeira galeguidade. Con este número tres da revista, chegaremos a contar con medio cento de colaboradores, dende os pintores que a ilustran Miguel Ángel Martínez Coello e Paco Ascón, que tamen colaboran cos seus artigos, escultores como Tony Ferrer, fotógrafos como Alan ou David Prada, poetas como; José Ramón Morgade, presidente do Círculo poético, Marina Sánchez ou novelistas como Rubén Pintos, escritores especialistas nunha disciplina determinada, por exemplo contamos coa colaboración de Manuel Blanco Villar, director do maior museo etnográfico de Galicia en Codeseda, Lalín, ou con Marila Sánchez que nos trae a sección de filatelia. Neste terceiro número creamos unha sección nova, “O recuncho da Música” que escribe Armando Lastra, o gran animador cultural, que leva de forma desinteresada apoiando ás xoves promesas da música en Ourense, en Asturias e en todo Galicia. Incluso contamos con xente dende os 12 anos, alumnos do colexio Cisneros, ata mozos que xa cumpriron os oitenta”.

E cada vez contades con máis colaboradores?
A.J.: “Si, en cada número engadimos novos autores, polo que algún colaborador haberá números onde non apareza, e sairá no seguinte, trátase de sorprender con firmas novas e dar oportunidade a todos para que participen neste rexurdir da Atenas Galega, desta Áuria querida, onde a arte agroma entre as pedras da Catedral ou da Ponte Romana, coma auga do Miño, regando esta cidade que sempre foi fonte da creatividade e da cultura con maiúsculas”.

Con publicacións como esta, pódese dicir que a cultura ourensá está máis viva que nunca?
A.J.: “Nós, somos só unha manifestación da cultura que está dende sempre en estado latente nesta cidade. Dito de outro xeito, a revista é a flor que anuncia os froitos, saborosos manxares que Ourense garda na súa cerne. Hai pouco tempo, tamén se presentou en formato dixital a revista “Inviable”, cunha calidade extraordinaria, e cada día medra máis o Circulo Poético Ourensán, incorporando novos poetas, por poñer dous exemplos dentro da fervedura cultural deste Ourense querido”.

Como foi a acollida dos dous primeiros números?
A.J.: “Sorprendeunos moito a grande acollida, por iso nos animamos a continuar co proxecto. O público valorouna e mercouna, de feito puidemos financiar o número dous grazas ás vendas e as subscricións. O segundo número aínda non temos os datos definitivos, pero contamos estar preto dos 500 exemplares vendidos, e tamén aumentaron os subscritos, tratándose dun produto para un público limitado, e pensando que só se distribuíu en Ourense cidade énchenos de esperanza”.

Agora sacades xa o terceiro número, parece un acto de valentía para os tempos que corren.
A.J.: “Non nos asustan os retos, cando hai un equipo tan grande e solidario como o que conforma a Xente do Redor. Cando tanta xente, dun xeito altruísta traballa a reo, por amor á arte, nunca mellor aplicado, sería de covardes recuar. Dende aquí teño que dar as grazas a todo o equipo de Orixe Publicidade e Comunicación, que se encargan do deseño e da maquetaxe, estou moi orgulloso de dirixir a todo este equipo, xunto cos escritores, poetas, pintores, e todos os que traballan na súa difusión, puntos de venda, repartidores e tamén dos medios de comunicación que tanto nos axudades dándoa a coñecer”.

O que adquira a publicación, que atopará nela?
A.J.: “Poesía ,artigos en prosa, pintura, escultura, fotografía… A obra de ourensáns e galegos, uns de aquí e outros de acolá, espallados polo mundo, colaboracións dende Extremadura, Madrid, Miami, Colombia… a galeguidade de preto e a outra, a da Galicia na diáspora. E vaise a atopar a el mesmo; pois esta é unha revista da etnografía do sentimento, da verdadeira galeguidade, aberta a todos e sen censura, aberta á liberdade de pensamento”.

Onde se pode conseguir e a que prezo?
A.J.: “En Ourense pódese adquirir a cinco euros o exemplar en Kiosco Marcos, na Rúa Bedoya; Mercería Fina Cruz, na rúa doutor Marañón; Kiosco Ely, preto do Centro Comercial Ponte Vella, na Rúa Saínza; e en Orixe Publicidade, na rúa Francisco de Moure, no Couto.
O número tres, xa se distribuirá nas librarías de Ourense e provincia e tamén a distintas cidades e vilas de Galicia. Atopámonos en plena expansión e queremos introducila tamén en Portugal, posto que contamos xa neste número cunha poeta lusa, que nos ofreceu a posibilidade de distribuíla no seu pais”.

Sería importante contar co apoio das institucións.
A.J.: “A partires do número tres, teremos unhas pequenas colaboracións da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia mediante as accións do Xacobeo 2021. Por outra banda contamos coa implicación da empresa privada, que a pesares das dificultades que están atravesando, confiáronnos a publicidade das súas marcas. Diriximos unha solicitude ao Concello de Ourense, e agardamos que tamén poida botarnos unha man, para sacar adiante este proxecto, tendo en conta que os representantes actuais veñen da empresa privada, polo tanto estou convencido que saberán valorar o nacemento deste xermolo que arrinca da iniciativa privada”.

SOURCE: Avelino Jácome