A segunda fase do proxecto unirá o viaducto con polígono de Pazos.

Remata a construción da nova ponte situada en Queizás

O Concello de Verín vén de rematar as obras de construción da nova ponte de Queizás. Esta primeira fase executada corresponde á finalización da estrutura completa do viaduto. A segunda fase deste proxecto unirá a ponte co polígono de Pazos, dotando ao mesmo dun novo acceso e conectándoo coa estrada N-532. Así mesmo permitirá desconxestionar o tráfico da estrada N-525 influíndo isto de maneira positiva na circulación do núcleo de Verín e os seus arredores.

Esta actuación, que ten como principal obxectivo retirar o tráfico pesado do centro, especialmente aos camións con destino ao polígono de Pazos (uns 600 vehículos diarios, aproximadamente), supón un investimento total de 1 millón de euros; dos cales 800.000 euros son achegados polo Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE) e 200.000 euros corresponden a fondos propios municipais.

Segunda fase
Coa finalización das obras de construción desta ponte, o Concello de Verín dá luz verde á unha segunda fase do proxecto que, cunha inversión de 600.000 euros, consistirá na realización das obras necesarias para culminar a unión deste viaduto co polígono de Pazos. «Ca finalización desta segunda fase, completarase o novo viario perimetral que servira de circunvalación complementaria á que se desdobra das autovías A-52 e A-75 de xeito que os camións non teñan que abordar o casco urbano e se reduzan así significativamente as emisións contaminantes», explicou Gerardo Seoane, alcalde de Verín.

SOURCE: Ponte Queizás