O Instituto Xeográfico Nacional os fixa.

Límites entre os concellos de Ourense e de San Cibrao das Viñas

Os concellos de Ourense e de San Cibrao das Viñas xa poden coñecer o seu límite xeográfico exacto. Técnicos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN, do seu nome en castelán) presentaron, no salón de plenos, as conclusións dos traballos técnicos de recuperación e replanteo da liña do límite xurisdicional entre ambos concellos, xa que as actas que rexían na actualidade databan de 1920 e, polo tanto, eran inexactas.

Os cálculos presentados polo IGN, ante representantes institucionais de Ourense -entre eles o propio alcalde, Gonzalo Pérez Jácome- e de San Cibrao, así como técnicos de Infraestruturas e de Planeamento e Xestión, establecerán as coordenadas fixas. Estas serán validadas polo Rexistro Central de Cartografía, o que lles dará amparo xurídico. Na última fase, ambos concellos deberán corroborar as medicións para establecelas definitivamente e darlles cobertura legal.

A medición do IGN xorde a partir das diferenzas detectadas entre os límites que recollían as actas e os rexistros do propio Catastro que se apoiaban exclusivamente nos datos presentados nos planos. É por iso que a idea do Concello de Ourense é a de repetir o mesmo proceso co resto dos concellos limítrofes: O Pereiro de Aguiar, Coles, Amoeiro, Punxín, Toén e Barbadás.

SOURCE: Límites Ourense e San Cibrao