O 6 de abril está previsto que se convoquen tamén as axudas ao arrendamento dirixidas a persoas en situación de especial vulnerabilidade pola covid.

Dez millóns para axudas no aluguer de vivendas

Xa se poden solicitar as axudas ao alugueiro dirixidas a facilitar o acceso e mantemento da súa vivenda habitual a persoas e colectivos específicos con escasos recursos económicos. Así o anunciou durante unha visita a Ourense a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen explicou que a orde de axudas publicada hoxe no DOG enmárcase no esforzo especial que realizará a Xunta este ano en materia de axudas ao alugueiro.

Neste sentido, a responsable autonómica indicou que o programa conta con dúas liñas diferenciadas: unha destinada á poboación en xeral, en cuxo caso o importe máximo da axuda poderá ser de 200 euros ao mes ou de 250 euros, se o solicitante ten máis de 65 anos; e outra dirixida ao colectivo de menores de 35 anos, que poderán optar grazas a ela a unha subvención de ata 250 euros. A duración da axuda será dun ano.

Esta nova convocatoria, enmarcada no Plan estatal de vivenda 2018-2021, conta cunha dotación global de 2,27 millóns de euros e poderá solicitarse a partir de mañá e durante o prazo dun mes. En canto aos posibles beneficiarios, aínda é pronto para facer estimacións pero, tal e como apuntou a conselleira, cómpre lembrar que, nestes momentos, máis de 5.000 galegos reciben axudas a través deste programa.

Durante un encontro con membros da Unidade Interdisciplinar de Traballo Social de Ourense, indicou que a Consellería ofrecerá ás persoas cunha situación económica delicada ou que se están a ver especialmente afectadas pola covid, catro programas de axudas directas para o pago dos seus alugueiros cun investimento total de case 10 millóns de euros.

Axudas para minimizar o impacto da covid
Ángeles Vázquez indicou que se fará un esforzo especial para apoiar a todas aquelas unidades de convivencia con dificultades á hora de facer fronte ao pago das rendas da súa vivenda habitual.

A este respecto, anunciou que o vindeiro martes, 6 de abril, tamén se convocarán as axudas dirixidas a persoas en situación de especial vulnerabilidade pola covid-19. Cómpre lembrar que este programa se puxo en marcha o ano pasado para ofrecer unha resposta efectiva e específica a aquelas familias e colectivos que viron como se resentían os seus ingresos domésticos debido á pandemia, chegando a máis dun milleiro de beneficiarios en Galicia.
Este ano, a nova convocatoria das axudas ao alugueiro pola covid terá unha dotación de 2 millóns e, como principal novidade, cómpre subliñar os cambios introducidos nas bases co obxectivo de mellorar e axilizar a tramitación, grazas á experiencia adquirida o ano pasado.

Deste xeito, simplificaranse os anexos que se deben xuntar coa solicitude, modificarase a forma de xustificación para poder cobrar a axuda e mellorarase tamén o modo de pagamento, que en lugar de facerse mes a mes será por anticipado e pago único.

SOURCE: Axudas aluguer vivendas