Destinará 325.000 euros a apoiar a actividade que desenvolven as asociacións sen ánimo de lucro na cidade e 294.250 ás familias para os gastos do próximo curso escolar.

O Concello abre o prazo para solicitar as axudas para entidades sociais, libros e comedores escolares

O Concello de Ourense abriu os prazos para solicitar as axudas que lles concederá este ano ás asociacións e entidades do ámbito social para apoiar o labor que desenvolven no concello, e ás familias para afrontar os gastos en libros e comedores escolares para o próximo curso 2021/2022. O Concello publica o extracto de ambas convocatorias no Boletín Oficial da Provincia de Ourense e na páxina web municipal www.ourense.gal, de forma que as persoas interesadas poidan presentar as súas solicitudes. Para libros e comedores escolares, o prazo é 15 días, até o 3 de maio, e para entidades sociais, un mes, até o 12 de maio.

Libros de texto e material escolar. A convocatoria para a compra de libros e material escolar e para os gastos en comedores escolares para o próximo curso 2021/2022, ten un orzamento de 294.250 euros. Vai dirixida a unidades de convivencia en desvantaxe social e con menor poder adquisitivo residentes no Concello que, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes cumpran os requisitos de estar empadroados no Concello de Ourense, con tres meses mínimo de antigüidade, todos os membros da unidade de convivencia; non superar os 3.500 euros de renda per cápita anual -computarase un membro máis no caso de presentar algún deles unha discapacidade igual ou superior ao 33%, e tamén no caso de ser familia monoparental-.

Subvencións a entidades sen ánimo de lucro. Convocatoria dotada con 325.000 euros en réxime de concorrencia competitiva. As axudas van destinadas a financiar programas, proxectos ou actividades que, sendo considerados de interese, promoción social ou de utilidade pública para o Concello no ámbito dos servizos sociais, promovan as asociacións e entidades sen ánimo de lucro. Os programas, proxectos ou actividades deben ir dirixidos prioritariamente a persoas e colectivos en situación de vulnerabilidade social.

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Ourense ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, del 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Toda a información e impresos están na web do Concello.

SOURCE: Axudas Concello de Ourense