Gabriel Alén incidiu ante os veciños nas melloras que suporá a nova senda na OU-402, cun investimento autonómico de preto de 1,1 millóns de euros.

O delegado da Xunta supervisa os traballos iniciais da senda peonil de Reza

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou os traballos de medición e estaquillado que se están a realizar para o desenvolvemento da senda peonil de Reza, na estrada OU-402, que suporá un investimento autonómico de preto de 1,1 millóns de euros.

Deste xeito, Gabriel Alén cumpre co compromiso adquirido cos representantes da Asociación de Veciños Quince de Agosto de Reza, na reunión mantida o pasado 6 de abril na Delegación Territorial, de visitar o emprazamento da dita senda e comprobar os pequenos axustes realizados ao proxecto inicial para minorar en todo o posible a súa afectación.

O delegado territorial reiteroulle aos veciños que se trata dun proxecto no que o Goberno galego está a actuar en todo momento coa máxima transparencia, escoitando as suxestións e tendo en conta as achegas recibidas.

O representante do Goberno galego explicoulle tamén que o obxectivo último da actuación é reforzar a seguridade viaria e favorecer os desprazamentos a pé dos veciños, dispoñendo beirarrúas onde hoxe non as hai, novas zonas de aparcadoiro e paradas de autobús que faciliten o día a día dos veciños.

As actuacións previstas
O proxecto de execución da senda de Reza ten por obxecto actuar nun tramo de case 2,7 quilómetros de lonxitude na OU-402 que carece de beirarrúas, polo que os peóns circulan actualmente polas beiravías da estrada.

Deste xeito, a execución da senda dotará de maior seguridade os viandantes e favorecerá unha mobilidade máis sustentable. A actuación incorpora as achegas presentadas á proposta inicial, de forma que a nova senda, que se construirá entre os puntos quilométricos 1+090-3+780 da OU-402, terá un uso exclusivamente peonil.

A nova senda executarase pola marxe dereita da estrada, sendo o largo mínimo de 1,80 metros. Deséñase separada do tronco da estrada por diferentes elementos de separación, segundo o tipo de sección adoptada. Estes elementos poden ser: unha gabia revestida de largo 1,20 m ou 1,70 m e con perfil de seguridade; unha parte de vexetación; un bordo de sinalización; ou a combinación dos tres elementos anteriores. Para dar cabida á senda será necesario ampliar a plataforma da estrada, coa execución de 6 muros de sostemento de coieira e 7 muros de formigón armado coa mesma función.

As actuación previstas inclúen a execución de zonas de aparcadoiro ao longo do seu trazado e paradas de autobús cos seus refuxios correspondentes, tanto na marxe dereita como na esquerda da estrada.

Ademais, modificarase o deseño do pavimento e da sección transversal da senda nos primeiros 30 metros do trazado, seguindo as indicacións da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A Xunta trasladoulle aos veciños de Reza que traballará para limitar en todo o posible as afeccións da execución da senda peonil na estrada autonómica OU-402 ao seu paso por esta zona, no concello de Ourense.

SOURCE: Senda peonil Reza