As Andrómenas e outros contos.

O mazadoiro dos de Clara

O sol érguese cedo en Ribas do Asneiro no verán. Érguese máis cedo aínda a xente para aproveitar a fresca, ás dez e media xa poden moscar as vacas, entón lévanse para a corte á sombra, mais para os segadores a sombra agarda ata o descanso das once.
As mulleres trouxeron uns chourizos e unhas “fetas” de xamón, os homes paran para cravuñar as gadañas e meterlle un taquiño ao estómago que dende as seis mantense cun anaco de pan de centeo e a alferga de augardente do almorzo.

“O corpo abala se non se lle da sustento” dixo a avoa Hortensia, mandaron ao tío Cándido por tres cuartillos de viño branco para a bota e unha botella de gasosa Ramos, a taberna de María do Cruceiro, para enchela e darlle uns bicos ao remate de cada rola.
No regato, debaixo dos ameneiros, metidas nun cesto de codesos están as viandas e outra botella de Ribeiro tinto, que trouxeron da casa. Xa queda pouco do pelexo que carrexou o arrieiro naquela besta negra, parecía un cabaleiro, case coma o “guerreiro do antifaz”, “da careta” chámalle o pai para meterse comigo, sempre mo merca na feira de Lalín, sabe que me gusta moito, el di que leo moi ben.

Os arrieiros traen o viño nuns pelellos de carneiro e enchen os garrafóns, son tres de media ola, “hai que arranxarse con este ata que volvan”, din os da casa, o pai dálles a razón. Despois cando se acaba manda a mercalo á taberna de María do Cruceiro ou a de Alicia, «hai que mercarlle as dúas, cos curas e cos taberneiros convén levarse ben, uns negocian coa alegría desta vida e os outros ca do mais alá. El di que sen un neto de viño non come, prefire non xantar, e con esa parola sempre vai habendo viño na casa.

Pero o que sabe todo o que acontece en Ribas do Asneiro é o mazadoiro de Clara e a súa prolongación no cuberto, e nas escaleiras da palleira, alí xúntanse cando a calor aperta, ou cando chove, ou se trona, sempre o tempo dará unha desculpa, para a xuntanza, homes, vellos, novos e ata os “rapazolos”. Alí gobernase a aldea dende o punto de vista masculino, as reunións do mazadoiro e do cuberto de Clara, son a réplica ás reunións plenarias das mulleres no lavadoiro, elas “critican” cando lavan, os homes «analizan» cando fuman, son dous xeitos de ver a vida, ás veces dependendo de quen faga unha cousa recibe distintos nomes, os rapaces non entendemos iso ben de todo. Tamén é certo que as veces fálase ao caso, acórdase cando se van xuntar para rozar as silvas do camiño, que xa logo é a festa do Carme ou cando se vai limpar a presa do Muíño, se hai que xuntarlle a herba a tal veciño que está operado e el non pode. Pero a máis das veces falan das “novidades”, que se “fulanita” anda con tal fulano, que a outra casouse porque estaba preñada, que se a criada do cura quédase de vez en cando na casa reitoral porque dormen xuntos, contos “daquí e dalá”, que se un da parroquia veciña bebe moito viño, que se aquel outro é moi agarrado e non o bebe por non gastar…

O mazadoiro é de pedra e non fala, máis a min unha noite faloume. Viña da discoteca Campos, estaba aínda estudando no instituto, uns dez anos máis tarde da sega da que vos viña falando, xa era un mociño. Aquela noite dous compañeiros de troula, propuxéranme «probar un paraíso novo, algo único marabilloso, a heroína, algo moi molón colega», quixéronme convencer dicindo que era moi doado, que ía ser unha grande aventura. Negueime, e entón chamáronme covarde e moitas cousas máis para tratar de convencerme.
Aquela noite tróuxome Mario, o da Estación, no taxi, e vin todo o camiño cismando se se cadra tiñan razón, eu que sempre presumira de valente, poida que non o fora tanto, por negarme a probar polo menos, aquelo que me ofrecían. O taxi deixoume na Braña, mais eu quixen ir dando un rodeo e beber na fonte da Picha, antes de coller para a casa, subín polo camiño á beira do río, sen poder deixar de cavilar no acontecido.

Boteille uns bos grolos de auga da fonte que viña co caño cheo, e salpiqueime a camisa, cando a fonte trae tanta auga non hai xeito de beber ao dereito do caño sen mollarse un pouco. Despois de sacudirme a roupa, arrinquei cara a casa, foi entón cando vin unha muller sentada no mazadoiro, pareceume moi estraño, eran as catro da mañá, fixen como que non a vía pero chamoume dúas veces polo meu nome, sorprendido achegueime máis para ver quen era, alí estaba unha muller duns corenta anos tapada cun velo negro, díxome; “Aveliniño, o meu neno querido fixeches ben, hai que ser máis valente para dicir que non ás veces é quedar por covarde, que aceptar e ser coma os outros, as drogas son malas e non debes probalas». E sen mais desapareceu da miña vista. Non daba creto ao que acaba de pasar, e estaba pensando que sería unha xogada da miña imaxinación, foi entón cando o mazadoiro faloume e díxome, “lisca para a casa, e fai caso aos consellos que escoitaches”, co medo no corpo botei a correr e non parei ata chegar á cociña.

O pai estaba esperándome coa lareira acendida, ao verme díxome ¡ves branco como se viras un espírito! Entón conteille o que me acontecera, iso si o da droga caleino, entón preguntoume; “e a muller que che falou tiña un reloxo moi brillante no pulso e vestía de blusa branca e chaquetiña negra?” -Si, creo que si- lle dixen. “E chamouche meu neno querido?” -Si, ti como o sabes?- pregunteille?
Saber non o sei, mais esta noite estiveches nun perigo moi grande, tan grande que tivo que vir túa nai a avisarte, non poñas esa cara de parvo e anda con moito coidadiño, que estes avisos non chos van dar dúas veces.

Dende aquelas, cada vez que paso preto do mazadoiro miro a ver se vexo aquela muller, ou se o mazadoiro quere dicir algo, pasaron corenta anos e o mazadoiro segue calado, case que mellor, cantas cousas saberá?
Ti xa o dicías papá a mellor palabra aínda é a que está por dicir, sete anos despois ti colliches camiño para xuntarte coa mamá no Alén, e eu ando por aquí contando estas lerias que nos aconteceron, non te rias estounas escribindo para que as lean os teus netos e mais o meu, xa sabes que son avó.
Hoxe dígocho eu, “anda… papá déixate de Andrómenas e agarda un pouco, que máis cedo que tarde, xa che contarei outros contos polo miúdo. Ah! que xa me esquecía, dálle un bico á mamá da miña parte.

Avelino Jácome

SOURCE: O mazadoiro dos de Clara