O CIM de Oímbra eva atendido desde 2017 a 564 mulleres

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenza, percorreu as instalacións do Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Verín onde valorizou a súa contribución “cara a igualdade e o empoderamento feminino, a saúde e o benestar de mulleres que residen nos sete concellos que forman parte da Mancomunidade de Verín”.

Desde a creación deste centro no ano 2017 ata o día de hoxe atendeuse a 564 mulleres neste CIM e o número de consultas recibidas ascendeu a 2.573. Lorenzana destacou ademais que nestes 4 anos detectáronse desde o Centro 68 casos de mulleres e familias que se viron afectadas pola violencia de xénero. “Trátase dun recurso asistencial digno de admiración, que demostra un funcionamento exemplar e un apoio real ás mulleres que máis o precisan”, dixo a conselleira. “Os CIM son mostra da colaboración que mantemos dentro da Administración autonómica cos concellos para prestar unha asistencia integral ás vítimas da violencia de xénero”, engadiu.

A Xunta renova cada ano o seu apoio e intenta ampliar á rede de Centros de Información á Muller de Galicia porque, como indicou Lorenzana, “son estes centros os que materializan o compromiso do Goberno galego pola consecución dunha sociedade máis igualitaria e plural, onde non teña cabida nin a máis mínima manifestación de discriminación ou violencia pro razón de xénero”.

A última convocatoria de axudas destinadas ás entidades locais, integrada por catro programas cos que se fomenta a conciliación, se promove a igualdade entre mulleres e homes e prevención e tratamento da violencia de xénero, se apoia aos Centros de Información á Muller (CIM) e se traballa na sensibilización, información e difusión sobre a igualdade e prevención da violencia contra as mulleres vense de resolver o pasado mes de xuño con 6,4 millóns de euros e 262 entidades locais beneficiarias. A liña de apoio aos Centros de Información á Muller recibiu un total de 3,9 millóns de euros.

O CIM da Mancomunidade de Verín é un dos 17 que operan na provincia de Ourense, dun total de 84 CIMs distribuídos por todo o territorio galego, cos que se garanten 220 postos de traballo de profesionais multidisciplinares que interveñen en casos de violencia de xénero e que prestan atención e asesoramento a unha media de 9.300 mulleres ao ano e acompañamento nos procesos xudiciais ás vítimas.
“Logramos prestar un servizo de proximidade e estar ao carón das mulleres que o precisen, ofrecéndolles en todo momento unha atención integral e continuada que lles recorde que non están soas e axude a saír adiante”, remarcou a titular de Emprego e Igualdade.

Programa de conciliación en Oímbra
A conselleira desprazouse tamén hoxe a Oímbra onde visitou o programa de conciliación Oímbra Verán no que participan 41 nenas e nenos de entre 3 e 12 anos.
A Xunta apoia desde 2015 este programa de conciliación do concello con cerca de 40.000 euros no marco das axudas destinadas á conciliación nas entidades locais.