Estará lista en 2022.

Verín contará cunha nova oficina de emprego

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, desprazouse ao Concello de Verín, onde anunciou que as obras da nova oficina de emprego da localidade, que dará servizo a outros oito concellos -Castrelo do Val, A Gudiña, Laza, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Riós e Vilardevós- arrancarán este ano. A Xunta investiu un total de 595.570 euros, dos que 332.570 corresponden ao acondicionamento do local e o restante á adquisición do mesmo. Esta previsto que entre en funcionamento no primeiro semestre de 2022.

A oficina, situada na avenida de Sousas, ocupará un baixo de 357 metros cadrados, case o dobre das actuais dependencias da avenida de Castilla. O proxecto global enmárcase na estratexia da Xunta de acometer unha reforma integral do Servizo Público de Emprego de Galicia, desde os espazos físicos ata a implantación dun novo software que optimice as tarefas relacionadas coa xestión do emprego e a formación. Nas actuais instalacións traballan na actualidade sete persoas.

“Non deixamos de traballar pola mellora dos servizos de orientación e as oportunidades de colocación e inserción laboral de todas as galegas e galegos, a través tanto de infraestruturas físicas como de sistemas dixitais”, incidiu a conselleira en Verín. As oficinas de emprego distribuídas pola Comunidade constitúen un “espazo clave de intercambio da oferta e da demanda, de interconexión entre as administracións públicas e o tecido empresarial do noso mercado de traballo”, remarcou.

SOURCE: oficina emprego Verín