Desenvolverase do 2 ao 12 de agosto baixo o lema 'A diversión de sempre'.

Campamento Urbano de Amencer

A edición número 34 do Campamento Urbano, organizado pola Asociación Xuvenil Amencer co apoio, entre outros, da Concellería de Xuventude, presentouse coma unha actividade “aberta, gratuíta e segura”, en palabras de Xulio César Iglesias, director de Amencer. Desenvolverase do 2 ao 12 de agosto baixo o lema ‘A diversión de sempre’.

Trátase dunha proposta educativa aberta á participación de toda a rapazada de entre 8 e 16 anos de idade, especialmente destinada a aquela que non poida gozar doutras opcións de lecer en verán por motivos diversos, e que axudará a conciliar da vida laboral e de tempo libre de moitas familias da cidade. Neste sentido, a concelleira de Xuventude, Flora Moure, manifestou a súa satisfacción polo labor da Asociación Amencer: “Non planeastes deixar de facer nin unha soa edición, porque Ourense e a súa mocidade vos necesitan”.

En Ourense desenvólvese o Campamento Urbano ininterrompidamente desde 1988, constatando unha moi boa acollida por parte da cidade cunha ampla participación. Así, o número de participantes foi medrando dende os 170 rapaces e rapazas da súa primeira edición a un total de1.158 persoas na última edición “normalizada”, no verán do 2019. O pasado verán, en plena época Covid, foron 426 os participantes. A día de hoxe xa hai 300 rapaces e rapazas pre inscritos para esta edición.

Entre os obxectivos que se pretende acadar co Campamento Urbano están os de ofertar un tempo libre educativo e de calidade para a rapazada da cidade, que favoreza a educación en valores humanos e a educación para a saúde dende o xogo, a diversión e o aprender. A filosofía, un ano máis, será a de facilitarlle a participación no Campamento sen necesidade de saír da cidade a calquera neno ou nena, mozo ou moza que, por motivos de idade, estudos, económicos ou familiares, non poidan gozar das vacacións de verán. Dun xeito especial, a colectivos en situación de vulnerabilidade e risco social.

Outro dos obxectivos é o de “descubrir a cidade e convertela nun lugar seguro e de festa”, segundo Xulio César Iglesias. A idea é empregar as instalacións cidadás como escenario de actividades e xogos, motivando un uso positivo e creativo de tempo libre na cidade.

Grupos seguros. O Campamento Urbano adáptase ás normativas sanitarias respectando e cumprindo a lexislación e potenciando a seguridade nos participantes, acentuando nesta ocasión o ámbito hixiénico-sanitario. Estas medidas poden sufrir actualizacións segundo as limitacións que vaian aprobando as autoridades sanitarias neste sentido, e que resulten de aplicación no ámbito territorial do concello de Ourense.

Inscrición previa. Por este motivo, desde a organización insístese na necesidade de preinscribirse -a través do espazo web de Amencer.org, nas súas dependencias do colexio Salesianos ou a través da Concellería de Xuventude- para ir conformando grupos burbulla seguros para eles mesmos e para os demais.

SOURCE: Campamento urbano de Amencer