Celebrarase os días 3, 4 e 5 de setembro.

Xinzo xunta as feiras da Pataca e Maquinaria Agrícola

A Feira da Pataca e Maquinaria Agrícola contará con máis de trinta expositores e ofrecerá degustacións durante toda a fin de semana. A iniciativa, que este ano xunta as dúas feiras para convertela nun referente do norte do país, celebrarase os días 3, 4 e 5 de setembro no pavillón municipal e nos seus exteriores.

Un campo de cultivo no que xa se iniciou a recolección foi o escenario elixido  para a presentación da Feira da Pataca e da Maquinaria Agrícola, Alimagro. Incluso os asistentes puideron comprobar de primeira man a calidade dos primeiros tubérculos que se están a obter nesta tempada. Coa elección deste emprazamento déuselle á feira a importancia que se merece, xa que nin a pataca nin a maquinaria puideron promocionarse neste escaparate o ano pasado por mor da pandemia e o Concello de Xinzo decidiu nesta edición xuntar as dúas citas nun mesmo espazo e nun mesmo fin de semana para convertela nun referente do norte de España.

A alcaldesa, Elvira Lama; o concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz, e o edil de Urbanismo, Ramón Gómez, foron os encargados de ofrecer os detalles da programación. Habilitarase non só a explanada da instalación deportiva, senón tamén a rúa 2 de maio dende a rotonda ata a ponte sobre o Limia e a explanada do Toural. No interior do pavillón instalarase todo o relativo á pataca, da man de produtores, asociacións ou almacenistas, entre outros profesionais relacionados co sector. Nos exteriores copará toda a atención a maquinaria agrícola. Serán máis de trinta expositores.
As degustacións serán, nunca mellor dito, un dos pratos fortes do programa durante os tres días da feira. O domingo, un chef porá en valor o produto estrela de Limia. Incluso está previsto que as vacas paseen polo recinto feiral para recordar a relevancia desta actividade da que viven moitas familias do municipio dende hai décadas.

Neste sentido pronunciouse a alcaldesa, Elvira Lama, destacando o compromiso que vén de deixar patente o Goberno central coa comarca da Limia: “A agricultura é aquí un sector fundamental e, proba disto, é o compromiso do Goberno para investir na mellora dos regadíos 28 millóns de euros. Esperamos que pronto sexa unha realidade para seguir colleitando pataca de tanta calidade como a que está agora recollendo e que se poida seguir exportando a todo o país e ao estranxeiro. Queremos que os nosos agricultores teñan futuro nesta comarca e hai que apostar por unha agricultura sostible”.

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz, que ten na produción de pataca a súa principal actividade, asegurou que esta será unha moi boa colleita e insistiu na necesidade de que haxa unha maior transformación da pataca no concello: “É o que lle falta a un sector que xera moita riqueza. Así se crearían moitos postos de traballo”. Tamén recalcou a importancia da feira para “mostrar que nesta comarca hai unha pataca de excelente calidade e temos que seguir promocionado o produto para que chegue a todos os recunchos do país”.

SOURCE: Feira da Pataca e Maquinaria Agrícola