A Xunta ten aberta a liña de apoios do Cheque dixital.

A Xunta de Galicia mantén o seu compromiso con autónomos e pemes galegas a través da promoción da súa transformación tecnolóxica e dixital. Así, o Goberno Galego ten aberto ata o próximo 30 de setembro unha nova edición do programa Cheque Dixital. Trátase dunha iniciativa que se repite tras a boa acollida do ano pasado con motivo da pandemia da covid-19, e que pretende axudar a 1.000 pemes e autónomos galegos na mellora da súa competitividade a través do fomento de distintos proxectos vinculados ao eido da dixitalización.

Reactivación
Estes cheques teñen como obxectivo prioritario a reactivación do tecido empresarial galego a través da transformación tecnolóxica e do impulso aos procesos de dixitalización, apoiando proxectos que promovan a súa adaptación á situación creada pola pandemia sanitaria. Unha transformación que debe chegar a todo o tecido empresarial -desde as grandes ás pequenas empresas- e a todo o territorio, especialmente ao ámbito rural.
Desta volta, a liña suma un orzamento de 4 millóns de euros -cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder)-, cubrindo desde a habilitación de sistemas de control de aforo ou de normas de calidade da covid-19, ata outro tipo de melloras como a aposta por mecanismos de cartelería electrónica, sistemas de notificación en móbil, automatización de procesos regulados, ou a aplicación de solucións de conectividade e incorporación do teletraballo ou relativas á ciberseguridade.
Das solicitudes presentadas até agora (superando as 1.600 peticións a finais de agosto), máis de 300 xa foron resoltas de maneira favorable por unha contía superior a 1,4 millóns de euros.

O obxectivo é que o sector do comercio, as pequenas e medianas empresas e os autónomos poidan incorporar as novas tecnoloxías para reforzar a súa actividade no actual contexto económico, prestando especial atención ao tecido empresarial situado no ámbito rural, á economía social e ao fomento do teletraballo.

Beneficiarios
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva. Poderán aspirar a estes apoios as pequenas empresas e os autónomos do sector servizos, as entidades do tecido asociativo e empresarial galego, e as entidades da economía social que sexan pemes e non estean nos sectores da pesca/acuicultura ou produción primaria.
Os gastos realizados deberán ascender a un mínimo de 1.500 euros, chegando a un máximo de 12.000 euros, e cubrindo a liña ata o 80% do custo dos proxectos, coa posibilidade de obter un anticipo da metade do orzamento. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de setembro.

Novo paso
Deste xeito, o ente autonómico dá un novo paso na súa aposta pola dixitalización do tecido empresarial, que se manifesta nos diferentes programas impulsados, como as axudas e talleres á dixitalización Industria 4.0 (7,4 millóns de euros) ou o Galicia Exporta Dixital (6 millóns de euros) e que tan boa acollida tiveron.
Neste sentido, e no marco do Pacto pola Dixitalización que está a promover o Goberno galego, o ano pasado mobilizáronse preto de 36 millóns de euros entre o tecido empresarial da Comunidade na procura de facer da transformación dixital unha parte moi importante da cultura empresarial galega.

Plan de reactivación económica
Esta liña de apoios forma parte do Plan de reactivación económica que ten en marcha o Goberno galego. O obxectivo é facilitar a recuperación do tecido produtivo e que poida incrementar a súa competitividade, adaptándose ao novo contexto económico derivado da covid-19.

SOURCE: Cheque dixital da Xunta