Desde a Ponte... a Monterrei

Dous santos. Quiñentas e un calcetín

Ás veces lémbrome das anécdotas que eles me contaron. Imaxino noites doutros tempos cando o viño rulaba na taberna con xenerosidade, e onde o Lucho contábame as anécdotas de antano, que non tiñan desperdicio. A inesperada partida do seu compadre rumbo as estrelas estaba recente. Eran tempos de refinada nostalxia, porén espetoume en íntima conversa e coa voz entrecortada, «neno, paseino moi ben co teu papá!».

Daquela o destino xuntounos nun colexio da capital. Había que formarse de cara on futuro complicado. Sabían a boa fe, que na casa, era grande o sacrificio para telos alí. Non dubidaron en aproveitar o tempo, e aprender da mellor escola para eles, que non foi outra, mais ca escola da vida.
Só Xoaquín Lorenzo “Xocas” mestre inmortal do colexio Cisneros, foi quen de facelos acougar, a base de clases maxistrais, sobre os apeiros de labranza, as partes do carro e un sen fin de materia do mundo rural galego, que sen esforzo aprobaron con sobresaínte. As demais disciplinas, non tiñan importancia, porén de cando en vez “lataban” as clases, sen ollar máis lonxe que a fonte das Burgas, onde lavaban as mans a miúdo, para quedar ceibes de culpa.

Eran rebeldes con ansia de xolda. Rapaces de aldea, pero co peto quente, gracias a xenerosidade do avó de Gondulfes, que tiña a marabillosa costume de introducir no desgastado dicionario do seu neto, un billete de quiñentas pesetas, xustamente na letra “d”, o carón da verba “desfrutar”, que a tiña subliñada cun lapis.

Corrían os anos cincuenta, e os dous Santos, con traxe, non precisamente de domingo, rulaban pola concorrida rúa do Paseo, onde o desfile de persoas era alucinante. Cun cigarro perpetuo nos beizos e con sinxela chulería raiota desfilaban sen complexos para facer algo de ollo e gastar zapato, como se dicía naquel entón.

Na hora do aperitivo, algunha vez se achegaron o mítico Café La Bilbaína. Foi un dia daqueles, cando os empregados do local estaban abrindo as portas despois dunha longa noite de espectáculo con artista incluída. Os Santos entraron con algo de respecto naquel garito cheo de historia. O barman, o velos tan novos e sen moita decisión, espetoulles: «isto non é o bar Orellas!». Poña entón dous finos de Xerez, replicoulle o Santos de Verín dende un recuncho do mostrador. Tedes cuartos? dixo o camareiro desconfiado e con moita sorna. Algo temos, replicou o Lucho, sacando no acto, as quiñentas pesetas, que relucían na brancura daquela barra de mármore. Aquel home, o ver o billete quedou abraiado, e para agochar a vergoña, díxolle en voz baixa e o seu carón «estades invitados, non hai cambio na caixa. Volvede pola noite, e xa facemos as contas».

Remataron as copas e liscaron sen darlle moita importancia. No barrio vello esperaban os amigos da panda, o Mirrolo e o Carranchas, onde xa no lusco fusco, e de forma improvisada, presaxiaron a idea de Blanco Amor, preparando a esmorga xamais contada, tendo só como testemuña as inmutables pedras da catedral, posuidoras do infranqueable segredo do acontecido.

Daquela tamén frecuentaban a prestixiosa sala de festas Auria, inaugurada no 1960 e que lle deu un toque de glamour ás noites da capital ourensá. Foi considerada unha das mellores salas de España xunto coa madrileña Pasapoga. Foi aquí, onde os Santos, tiveron outra andanza das súas. Naquel tempo, había que levar garabata para poder acceder o interior da sala, non sen antes, abonar unha suculenta entrada. O caso é que cartos había, pero non había garabata.

Xa era sabido que os mozos de aldea tiñan unha astucia innata, e que nos momentos de apuro, sempre saía a relucir. Foi nun portal ao carón da mesma discoteca, onde os Santos sacaron o calcetín do pé e pasárono rapidamente ao pescozo, facendo unha simbiose ancestral con mestura de elegancia supina e algo de festa entroideira, deixando o camiño ceibe para acceder sen obstáculos aquel fermoso local.

No fondo da concorrida barra, esperaba Berta, a mítica caixeira con fama de facer ricos e rechamantes cócteis, que a ben seguro, deuse conta das falsas garabatas daqueles satélites, pero que con disimulada cómplicidade, xamais os descubriu, porque ante a espontánea e innata simpatía dos Santos, todo tiña perdón.

Quixera adicar estas letras o meu pai “Santos”, que estes días estaría no seu 84 aniversario e a “Lucho” o compadre de Gondulfes, amigos da xuventude, eternos contadores destas fermosas historias, e que con orgullo, comparto con vostedes.
Unha aperta.

Miguel A. Prieto “Chitín”

SOURCE: Dous santos. Quiñentas e un calcetín