A quinta edición do Allariz de Medo celebrarase do 29 de outubro ao 1 de novembro.

Allariz celebra o Samaín co «Allariz de Medo»

O Concello de Allariz celebra a quinta edición do Allariz de Medo, coincidindo coa festividade de Samaín, recuperada da antiga tradición celta. Ánimas, meigas e seres do máis alá protagonizarán un ano máis o Allariz de Medo que terá lugar entre o 29 de outubro e o 1 de novembro polas rúas do casco histórico.

A ambientación das rúas estará acompañada por varias animacións durante estes días. María López, concelleira de Promoción Económica e Eva Sampedro técnica de Promoción Económica presentaban esta quinta edición do Allariz de Medo e as actividades que haberá neste 2021.

O Xardín das Cabazas estará localizado na praza do Matadoiro dende o xoves 28 ata o domingo 1, para que as crianzas coloquen a súa cabaza de Samaín. Segundo a lenda de Samaín as cabazas colocábanse iluminadas nos muros para que as ánimas que voltaban na noite de defuntos lembraran o camiño de volta. O Concello de Allariz repartirá de balde 100 cabazas, o sábado 23 de outubro, de 10 ás 14h no Mercado da Reserva da Biosfera, para que todas as crianzas que queiran recoller a súa cabaza e decorala, podan facelo.

O venres 29 haberá un Roteiro de Ánimas Infantís que partirá do alto da rúa do Portelo e rematará na Praza do Matadoiro. Os nenos e nenas, de entre 6 e 12 anos, que queiran participar deberán anotarse no correo participa@allariz.gal. A capacidade do roteiro será limitada.
O sábado 30 a ambientación das rúas de Allariz cobrará vida con animacións sorpresas de en horario de 20 ás 22h.
O domingo 31 a Santa Compaña visitará as rúas de Allariz de 19 ás 20h no previo a noite de defuntos.

SOURCE: Allariz de Medo