Na provincia hai adheridas á iniciativa preto de medio cento de entidades e empresas.

O Bono Cultural ofrece descontos en compras ou na utilización de servizos culturais

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, pon en valor o Bono Cultural da Xunta. O fixo durante unha visita á libraría A Nova, unha das máis de 20 entidades e empresas, da cidade, adheridas nestes primeiros días de prazo; na provincia son preto de medio cento.

A iniciativa do Goberno galego ofrece descontos en compras ou na utilización de servizos culturais do que os clientes poderán empezar a gozar o 1 de novembro. No conxunto de Galicia, polo de agora, son máis de 300 as entidades e empresas culturais que nos primeiros días do prazo da adhesión para profesionais sumáronse a este programa.

O delegado explicou que con esta iniciativa preténdese por unha banda favorecer o fortalecemento do sector axudándoo a reducir o impacto derivado da covid-19, xa que se mobilizarán 4M€ nos establecementos e entidades; e pola outra, incentivar a demanda e dinamizar o consumo, nun outono cultural no que a situación sanitaria permite recuperar moita da actividade afectada pola pandemia.

Gabriel Alén informou que os profesionais interesados en adherirse teñen aberto o prazo e polo momento xa forman parte da iniciativa librarías, tendas de música, salas de cine así como entidades que ofrecen espectáculos culturais, entre outras. O prazo para que o sector se sume continuará aberto ata o 18 de novembro na web www.bonocultura.gal.

Poden inscribirse todas as persoas físicas ou xurídicas que teñan como obxecto da súa actividade o de venda ao consumidor de produtos e bens culturais, que desenvolvan a súa actividade en Galicia reunindo as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade, os centros ou locais públicos ou privados destinados á exhibición de produción cultural (salas de cine, teatros e auditorios, salas de concertos, salas de exposicións, etc.), os museos, casas-museo ou asimilados, tanto de titularidade pública como privada, así como asociacións, entidades e fundacións de carácter cultural, tanto públicas como privadas, que ofrezan produtos culturais.

No caso de establecementos privados, deben estar dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo I da orde publicada no Diario Oficial de Galicia o 18 de outubro. Os titulares dos establecementos adheridos recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento e, ademais, o nome comercial e a localización dos establecementos adheridos ao programa Bonos Cultura faise público na web www.bonocultura.gal.

Sen límite de idade
No que se refire aos clientes, a campaña comezará o 1 de novembro. O Bono Cultura da Xunta está destinado a calquera persoa maior de idade que teña a súa residencia en Galicia. Deberán descargalo a partir desa data na web http://www.bonocultura.gal en formato dixital a través dun código QR e poderán gastalo ata o 31 de decembro. En total, poñeranse en circulación un total de 39.000.

Con esta iniciativa -que conta cun orzamento de case 2M€ e que mobilizará 4M€ no sector- cada usuario poderá obter un bono por valor de 50€ para gastar nos establecementos e servizos adheridos á iniciativa e en cada compra, o cliente obterá un desconto do 50%. Ata o 31 de decembro, poderá usar o bono tantas veces como desexe ata esgotar o crédito dispoñible.

Os bonos poderán empregarse para a compra de produtos como música gravada en CD ou vinilo, produtos audiovisuais como películas ou series en formato físico, libros ou videoxogos, entradas para calquera tipo de institución cultural (museos, casas-museo…) ou para salas de cine, concertos de música e espectáculos escénicos, entre outras.

SOURCE: Bono Cultural