Desde a Ponte... a Monterrei

“O Paloma” Na memoria de Javier Santos González

Coñezo o Lucho dende que teño uso de razón. Hai unha década, nesta fiestra literaria onde cada mes deixo os meus relatos, escribín sobre a casa Lucho, en Gondulfes, aldea que naceu na montaña dun dos concellos máis fermosos da comarca de Monterrei, Castrelo do val. Gustábame moito ir a Gondulfes o 14 de setembro, a festa da Santa Cruz. Aquel dia, a paparota que se preparaba era importante, tanto que os numerosos invitados que desfrutabamos ao redor das inmensas mesas, saiamos sempre satisfeitos e agradecidos. Remedios, a nai do Lucho e Rosa a súa dona, as raíñas do casona centenaria, preparaban dende moi cedo, manxares exquisitos. O avó David, co seu mítico chaleco e zapatillas de pano, pululaba entre a cociña e o comedor, ollando con sabedoría que todo estivera a pedir de boca. E nos, rapaces inquedos, enredabamos cos xogos infantís que o paraxe natural nos agasallaba, mentres os maiores desfrutaban do xantar.

“O Paloma”, esperaba por min cos brazos abertos para amosarme a fermosa colección de coches deportivos que lucían, nun longo estante da súa habitación. Un sen fin de tarecos bélicos, espadas, e pistolas de plástico, rebosaban dun cesto colocado no recuncho. Máis a boa fe, el sabía, que o meu, non eran os xoguetes, que eu gozaba con xogar ceibe na inmensidade da finca do “Liñar” e como non, agatuñando polos silos de palla que amoreaban baixo os alpendres do patio para alimentar o gando que naqueles anos, enchían as cortes da casona.

Javi, o neno louro da melena atrevida. Cantaban “Los Pecos” no radiocasete SANYO que coidabas coma ouro en pano. ”Háblame de ti” cantabamos unha e outra vez. O louro dos “Pecos” eras ti, dicían as rapazas namoradas da túa beleza. Eran os anos da adolescencia que voaron sen dar tregua o tempo. Despois no colexio, xamais soltaches a miña man para guiarme nun sendeiro descoñecido, facendo esquecer co teu alento, os malos intres dun internado gris, ao principio dos oitenta. Tiñamos moito «feeling» compadre!, so coa mirada, entendiamos a mensaxe. Segredos de xuventude que compartimos e gardamos coma tumbas. Copiamos dos nosos vellos os pasos a seguir, porque os tivemos en conta sempre. Eran os faros que alumeaban a noso rumbo cando o camiño volvíase escuro.

Ai! “Paloma” canto me costa escribir hoxe aquí estas letras que me levan as lembranzas doutros tempos. Tempos que compartimos, que gozamos e sufrimos, tempos marabillosos que permanecen no meu maxín a pesares do tempo fuxido.
Sempre cho dicía, que de non nacer en Gondulfes o teu sitio, sería Chamberí, aquel barrio castizo madrileño, onde a chulería é un arte. Coma a que tiñas ti, chulería refinada, chulería innata e intransferible, pero nobre e sinxela, doada de entender, que portaches sen complexos no teu rostro inesquecible ata o derradeiro intre.

A vida ten un guión descoñecido. Bendita terapia, a nosa terapia infinita na porta dun bar. Risas perpetuas que depuran as nosas propias traxedias. Camiños falsos que as veces collemos sen consciencia. Pecados consumados e ben arrepentidos, soamente calmados coa penitencia máis pura que so da o arrepentimento.

So os vellos teñen resposta as incongruencias da vida, os atrancos que de súpeto aparecen sen remedio. O teu pai, no derradeiro camiño, deu a resposta o meu porqué desesperado. O destino neno! o puto destino.
Liscas moi cedo amigo, deixando un anaco baleiro na alma dos que te queríamos. Valente ata o final, porque so unha bágoa na túa meixela, foi dabondo para transmitir o derradeiro desexo, que sabes a boa fe que será cumprido.

Mentres escribo, escoito “Triana”, aquel grupo que nos cautivou, e nos facía pensar na profundidade das súas letras. “Sé de un lugar”, que fermoso tema! Moitos motivos farán que me lembre de ti “Paloma” como aquela función de teatro que interpretaches no colexio dos Milagres, con aquel papel impresionante que che tocou facer e que deixaches abraiados a todos os presentes, porque o personaxe de “Paloma”, non era para calquera, estaba feito para ti, igual que o alcume que che quedou para sempre. Alá onde estes, xúntate con eles, cos amigos que te esperan. Teno seguro, que ao verte quererán brindar cun viño sinxelo. Cun viño feito con sacrificio e amor. Como fixeron toda a vida, como fixemos e seguiremos facendo, mentres a providencia no lo permita. Boa viaxe e ata sempre Javi!

Miguel A. Prieto “Chitín”

SOURCE: O Paloma