Consulta a programación navideña da capital do Támega.

Un Nadal, o de Verín, que pasa polo ocio, a cultura e a dinamización comercial

«Con estas actividades, e tras un ano marcado pola pandemia», explicou a concelleira de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza, «desde o executivo local queremos devolver a ilusión ás veciñas e veciños de Verín nestas datas tan especiais do Nadal». Somoza quixo tamén facer un chamamento cidadán á responsabilidade de todos para que se cumpran as medidas de prevención establecidas e se minimice o risco de expansión da covid-19. Foi durante a presentación das actividades para este Nadal, e que estivo acompañada polo xerente e o presidente da Asociación de Empresarios de Verín (Aever), Xosé Ángel Rodicio e Santos Álvarez, respectivamente.
Serán un total de trece ofertas de lecer, cultura e dinamización do comercio local deseñadas para o goce de todos os públicos, que se estenderan ata o domingo 8 de xaneiro do 2022.

Actividades
A música será un piar fundamental na programación. Os máis pequenos gozarán das actuacións dos Os Bolechas e os Quebranoces (Auditorio, domingo 26 de decembro ás 18h, entrada 5 euros –ataquilla.com-) e de Gisela – Disney Kids (Auditorio, sábado 8 de xaneiro ás 19h, entrada 10 euros -ataquilla.com-). Para un público máis xeral chegarán os concertos de Emilio Rúa (Auditorio, sábado 25 de decembro ás 19h, entrada 5 euros -ataquilla.com-); de Nova Era (Auditorio, domingo 2 de xaneiro ás 20h, entrada 3 euros -venda presencial no propio Auditorio-); e o de Lýberic Crescendo -tributo Il Divo– (Auditorio, xoves 6 de xaneiro ás 19h, entrada 10 euros -ataquilla.com-).
Ofrecerase tamén, como todos os anos, o Servizo de ludoteca “Ludonadal” dirixido a meniños e meniñas, con idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos, co obxecto de facilitar a conciliación dos pais e nais e proporcionar aos menores un espazo de lecer durante as vacacións de Nadal. Estará operativo no pavillón Municipal de Deportes ata o 7 de xaneiro en horario de luns a venres de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas.

Cabalgata
Pero sen dúbida algunha, o broche estelar deste ano será a Cabalgata dos Reis Magos o día 5 de xaneiro (con saída a partir das 18 horas). Este ano o nenos e nenas de Verín poderán gozar dunha espectacular comparsa composta por tres carrozas con animación musical na que as súas maxestades, os Reis Meigos de Oriente, percorrerán as rúas de Verín nunha espectacular cabalgata. O roteiro finalizará na praza do Concello, onde terá lugar un espectáculo familiar de vídeo proxección na fachada da casa consistorial, e unha chocolatada para todos.

Dinamización do comercio
Para dinamizar o comercio local, a Asociación de Comerciantes de Verín (Aever) e o Concello unen esforzos para ofrecer unha serie de actividades destinadas ao público infantíl como son os pasarrúas temáticos, que se poderán ver (ata o 6 de xaneiro) nas prazas da Mercé, García Barbón e do Concello; e os xogos inchables -nas mesmas localizcións- do 27 ata o 30 de decembro.
Ademais, segue en marcha a campaña «Os 6.000 de Verín» que está vixente ata o 28 de decembro -martes-. Os clientes dos establecementos asociaciados a Aever que fagan compras nalgún deles participarán no sorteo de 6.000 euros en premios (un de 2.000 euros, un de 1.000 e seis de 500 euros a gastar nun destes locais comerciais) dándose a coñecer os gañadores nun sorteo ante notario o día 30 de decembro. Máis información na web ccaverin.com.

SOURCE: Programación Nadal Verín