A Xunta de Goberno aprobou, ademais, licitar as obras de mellora das rúas Valle Inclán, Ramón Cabanillas e Bedoya.

Axudas para libros e comedores escolares do Concello de Ourense

A Xunta de Goberno local do Concello de Ourense aprobou na súa xuntanza deste xoves, 17 de marzo, a convocatoria de axudas ás familias para a compra de libros e comedores escolares para o próximo curso 2022/2023. Tamén aprobou unha nova edición das subvencións que darán apoio a proxectos nas áreas de rehabilitación da cidade. Na mesma sesión, aprobou o protocolo de colaboración entre o Concello de Ourense e a Consellería de Facenda e administración pública para o desenvolvemento urbanístico da zona das Lagoas, onde a administración autonómica prevé construír a súa nova sede na cidade, nun ámbito no que tamén se executará unha praza pública e un aparcadoiro público “low cost”, entre outras actuacións.

No tocante a obras, aprobou o expediente para contratar o proxecto de acondicionamento e mellora das rúas Valle Inclán, Ramón Cabanillas e Bedoya, na súa intersección con Valle Inclán e Avenida de Bos Aires, cun orzamento de 1,2 millóns de euros. Unha intervención especialmente necesaria, destacou o alcalde ao remate da xuntanza, dado que estas rúas “levaban lustros nun estado “calamitoso, polo que urxen”, xa que son ”moi demandadas polos veciños”.

A xunta local acordou retirar da orde do día da sesión, para mellor estudo, a solicitude de licenza de obra e de actividade para o proxecto básico e de execución de construción dun tanatorio de iniciativa privada na rúa do Tinteiro.

SOURCE: Xunta de Goberno de Ourense