O seu novo libro será presentado o vindeiro 29 de marzo, ás 20 horas, no Auditorio municipal de Verín.

Caneiro presente “Verín de Verín”

O vindeiro 29 de marzo, ás 20 horas, no Auditorio municipal de Verín acollerá a presentación do novo libro do escritor Xosé Carlos Caneiro, “Verín de Verín”, un relato de variadas historias cun eixo común: Verín. O autor estará acompañado por Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade; Gerardo Seoane, alcalde de Verín, e Emilio Rúa, cantautor ourensán, quen amenizará a xornada con música en directo.

“Verín de Verín” é o primeiro libro da colección da nova editorial Conmar Editora. A obra contén textos de Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963), no que o humor e a vila natal do escritor son o seu fío condutor, cun amplo elenco de personaxes como centro narrativo.

O libro toma como fundamento o particular, o pequeno, para intentar convertelo en xeral ou universal. Partir do “Nós” (co noso diferenciado modo de ser e a nosa retranca) para debuxar situacións de fino humor que poidan chegar a calquera parte do mundo.

O xurdir de Conmar Editora
Conmar Editora é un novo proxecto editorial creado en Galicia, concretamente en Verín (Ourense), co desexo de publicar obas en diferentes formatos que teñen como guía a calidade literaria. Centraremos a nosa atención en libros diferentes, orixinais e con argumentos estético suficientes para atraer a atención dos lectores.

“Verín de Verín” abre o camiño e é a primeira acción cultural, en forma de libro, de Conmar Editora, unha empresa que ata o momento tivo como principais focos de atención a realización de recitais poéticos, organización de eventos de índole literaria, ou participación en diversas actividades culturais. Co cantautor Emilio Rúa e co escritor Xosé Carlos Caneiro realizáronse algunhas das actividades citadas.

SOURCE: Verín de Verín