Retoma a programación presencial.

Os Maios regresan a Verín ao grande

O Concello de Verín retoma a programación presencial dos Maios cun completo abano de actividades, tras dous anos de parón obrigado provocado pola Covid-19. Tamén recupera a Feira Solidaria que contará coa participación de varias entidades sen ánimo de lucro, que ofrecerán todo tipo de produtos e servizos con fins solidarios. As actividades concetraranse na Alameda e praza Maior e terán lugar o 30 de abril e o 1 de maio.
A concelleira da área de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza, presentou estas actividades, nas que o sábado, 30 de abril, na praza García Barbón terá lugar un emotivo acto conmemorativo con motivo do centenario do nacemento de Enrique Gómez Pato. Para esta ocasión, o ebanista Gerardo Fernández esculpiu un busto, e o escritor Edelmiro Mateo escribiu o libro, editado polo Concello de Verín, «O poeta esquecido – in memoriam do Pato; serán presentados na praza Maior ás 20.30 horas.

Para o domingo 1 de maio, desde as 11 horas, está prevista a exhibición dos maios tradicionais e artísticos confeccionados polos diferentes colectivos e asociacións participantes. Á mesma hora estarán á venda tamén as coplas do Certame Enrique Gómez Pato, editadas polo Concello de Verín. O exemplar venderase a 2 euro e o diñeiro recadado coa venda de 500 exemplares destinaranse ao financiamento do programa da UNICEF “Emerxencia na Ucraína”.
Ás 13h. terá lugar na Alameda o tradicional concerto da Banda de Música do Conservatorio de Verín.

Durante a programación dos festexos, e até primeira hora da tarde, haberá na Alameda un posto de polbo. O pan é o viño serán gratuítos, ao estaren subvencionados, como é habitual desde os anos oitenta, polo Concello de Verín.

Feira Solidaria
Por outra banda, o mesmo 1 de maio, a praza García Barbón, acolle ademais a quinta edición da Feira Solidaria.
Entre os obxectivos da feira atópanse proporcionar información sobre as distintas asociacións que participan no evento e dos servizos que ofrecen e conseguir apoio económico para poder seguir levando a cabo os seus proxectos e actividades e a creación dun marco de cooperación común entre os seus organizadores e colaboradores.

No marco desta celebración, ás 10 horas, haberá unha andaina solidaria en beneficio de Cruz Vermella Monterrei.
O percorrido será de 10 quilómetros e comezará na Pousa (Centro Social do Clube Sendeirista Monterrei). As inscricións, que terán un prezo de 5 euros (importe que irá destinado integramente a AECC), poderán adquirirse en Ferretería Lucas (rúa Galicia, 6.) até o 29 de abril.

O horario de apertura dos Stands da Feira Solidaria será de 10 a 20 horas.

SOURCE: Maios Verín 2022