Este ano o Día das Letras Galegas adícase ao escritor de Vilamartín de Valdeorras.

As Letras de Gurriarán

Todo o país comeza a conmemorar o Día das Letras Galegas e o fai exaltando á figura homenaxeada deste ano. Nesta ocasión, tócalle ao escritor Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Villamartín de Valdeorras, Orense; 1903 – Fair Oaks, Estados Unidos; 1987).
Delgado Gurriarán foi un destacado membro do activismo cultural galego, comprometido politicamente, no exilio, e participou na fundación e redacción dalgunhas das súas más emblemáticas publicacións culturais, como Vieiros ou Saudade. Entre as súas obras están Bebedeira, 1934 (poemario); Galicia infinda, 1963; ou O soño do guieiro, 1983.

No seu concello natal, concretamente no Centro Cultural de Santa Lucía de Vilamartín de Valdeorras, está exposta unha mostra (ata o 29 de maio) sobre a figura do escritor. Trátase da exposición itinerante «Compromiso na distancia». Logo, o legado de Delgado Gurriarán percorrerá dez localidades galegas ata decembro deste ano. Na nosa provincia estará presente no Barco e Celanova.
Compromiso na distancia é unha colección que consta de diferentes zonas explicativas nas que se fai un completo percorrido pola vida e obra do escritor, desde a súa infancia ata a súa madurez, incluíndo as súas experiencias en terras mexicanas e o regreso a Galicia coas primeiras publicacións. O texto central e a documentación correron a cargo de Héctor Cajaraville, que inclúe pezas baseadas no libro publicado por Xerais, Florencio Delgado Gurriarán. Polos Vieiros da saudade. As fotografías pertencen ao arquivo familiar do autor valdeorrés. Son imaxes orixinais en branco e negro, que foron modificadas con técnicas de coloración dixital.

Ourense
Na capital conmemórase o Día co espectáculo “Florencio coas letras”, que terá lugar o vindeiro martes (día 17) na praza Maior ás 20 horas. Música, circo, danza, poesía e as artes escénicas daranse cita nun espectáculo gratuíto dirixido ao público familiar cun claro compoñente didáctico. Tamén estarán presentes no espectáculo outros elementos moi significativos da nosa terra como é a auga e o lume, eles serán os encargados de transmitir a necesidade de pór en valor a nosa natureza. O espectáculo contará co apoio da música e un grupo profesional de danza, que traballará cunha tea artística xigante. A poesía será un dos elementos centrais do acto.

Ademais, a Biblioteca Pública da Xunta en Ourense Nós súmase este mes de maio á celebración das Letras Galegas con actividades para público infantil e adulto arredor do autor homenaxeado este ano, o poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, e mostras bibliográficas. O Día da Banda Deseñada e o Día dos Museos son outras das conmemoracións do mes incluídas na axenda do espazo bibliotecario, que conta tamén coas habituais sesións de contos e obradoiros para público infantil, entre outras propostas.

Así, co gallo do Día das Letras Galegas, a rapazada de seis a 12 anos achegarase á figura de Florencio Delgado Gurriarán o luns 16, con María Lires e o obradoiro de ilustración Versos, cores e colaxes. Pola súa banda, o público adulto farao na xornada do 18 coa presentación do libro Florencio Delgado Gurriarán. Nosa Galicia é máis que toda a Terra, da man dos seus autores, Xosé Ramón Campos e Tania Pérez Pérez.

Completan as actividades arredor desta data dúas mostras. Unha delas estará na sala infantil, cunha selección de títulos en galego de todas as materias e para todas as idades, para visualizar a presenza do idioma en todos os ámbitos. A outra propón unha Cita a cegas coas letras galegass, con obras escritas en galego para levar en préstamo envoltas de xeito que non se identifiquen.
A Asociación Xuvenil Amencer tamén se une a este día e organizará actividades en torno á figura do Valdeorrés coma unha exposición.

Outras localidades
A programación das Letras Galegas de Xinzo mesturará teatro, música e unha feira do libro con descontos para incentivar a lectura. Así, o 17 de maio, a Feira do Libro da praza Maior ofrecerá descontos do 10% para os exemplares en lingua galega. Ese mesmo día, ás 19 horas, entregaranse os premios do Concurso literario de narrativa curta Carlos Casares, que repartirán case 2.000 euros entre os galardoados para mercar nas librarías da vila. Seguidamente, proxectaranse vídeos sobre Florencio Delgado, o homenaxeado coas Letras Galegas, realizados polos alumnos e alumnas dos CEIP de Xinzo. Outra das actividades (a partir das 20 horas) será presentación do libro A revolta da lagoa, de Rafael Laso Lorenzo, ilustrado por Ximena Maier, e que inclúe a proxección do documental Antela, historia dunha desecación.

O día anterior ao día grande -o 16 de maio- celebrarase na igrexa Vella, a partir das 20.30 horas, o concerto Limia Máxica, da Agrupación Musical da Limia. E para rematar, o día 21 (sábado ás 20 horas no auditorio da Casa da Cultura) representarase a obra teatral Tras o vieiros de Florencio, da man da Compañía Fantoches Baj, no que se mesturarán poemas do autor cunha entrevista que lle realizaron en México aló polo 1979.
Na biblioteca municipal Concello de Barbadás celebran esta festividade con «Contadas no parque» que arrincan este mesmo venres, 13 de maio, coa narración de «Os contos da pota» a cargo de Ana Fachino; o mércores 18, Alba Grande coa narración de «Contos arredor do lume»; o venres 20, Caxoto con «O garoto de Ipanema»; e o luns 23, Moc Moc con «Peque disco Moc Moc». Todos os contacontos serán a partir das 18.30 horas. Estas actividades son para nenos de 4 a 12 anos.

SOURCE: Día das Letras Galegas 2022