Celébrase os días 17 e 18 de xuño.

A capital, protagonista no Rally de Ourense

No horizonte deste mes de xuño vislúmbrase o 55º Rally de Ourense-Recalvi. Este ano chega con algunha novidade como a da realización dun tramo completamente urbano pola cidade de Ourense, ou a de que o parque pechado regresa ao parque de San Lázaro. Serán dous días (17 e 18 de xuño) nos que os afeccionador ao deporte das catro rodas volverán ver ruxir os motores dos mellores pilotos nacionais e galegos.
O rali este ano, ademais do tramo da capital (venres 17) pasará por Amoeiro e Barbadás (neste último realizaranse os tests oficiais o día 14 e un tramo a dobre pasada o sábado 18).

O presidente da Escudería Ourense, Jano Fraga recordou que o rali ourensán ten un percorrido de «500 quilómetros, 150 de tramos cronometrados e 11 especiais», ademais de contar “cun dispositivo humano de máis de 800 persoas que velarán pola seguridade e a celebración do ralli”.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, destacou que se trata “dunha magnífica iniciativa por recuperar a esencia e alma do rali”. Unha competición que definiu como “un proxecto de todos e un emblema que supera os límites da provincia, de Galicia e mesmo de España”.

Gonzalo Pérez Jácome anunciou pola súa banda que o Concello de Ourense entregará un trofeo especial para os pilotos ourensáns no que será, afirmou, “o mellor rali da historia, un espectáculo que reunirá a milleiros de persoas e cunha enorme repercusión”. José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o deporte, puxo énfase entre tanto nas orixes do rali e no fundador da escudería e da proba, Estanislao Reverter, “un auténtico alquimista que converteu o metal nunha icona como o Alpinche e que volverá a rodar nunha das mellores probas do circuíto nacional”.

No acto tamén interveu a directora de Relacións Institucionais da Real Federación Española de Automobilismo, María Lanzón, que cualificou o Rally de Ourense como “único, especial e consolidado no calendario nacional, e que ademais de contar cos mellores equipos e pilotos marcará o ecuador do Supercampionato de España, que logo desta proba continuará en setembro”.

SOURCE: Rali de Ourense