Gaming, e-sports, baile, ioga, defensa persoal e un torneo de scalextric, son as primeiras.

O Lusquiños énchese de actividades

A Concellería de Xuventude ten prevista unha programación de actividades co obxectivo de dinamizar o Espazo Lusquiños, agora que volve abrir as súas portas para a xuventude.
Entre as actividades inicialmente propostas, que se irán ampliando ao longo do ano, ofrécense todo tipo de temática. Comezouse co Lusquiños Gaming, unha xornada de portas abertas con simuladores, Gafas 3D e Consolas, que tivo lugar a semana pasada.
As seguintes actividades que acollerá o Lusquiños serán os venres de E-Sport con videoxogos, talleres Tik-Tok, creación de vídeo con móbil, etc.; sábados de Baile adicado á cultura do corpo, con variados talleres de baile, Breakdance, Hip Hop, Danza Contemporánea, Moderno, etc. Ademais, destas clases de distintos estilos de baile alternaranse con outras de distintas disciplinas, tales como mobilidade e ioga, defensa persoal ou gravación de vídeos de baile. Tamén se celebrará entre o 18 e o 23 de xullo, un torneo de Scalextric Festas da Ponte. Colocaranse dous Scalextrics de grandes dimensións, e que rematará nunha competición cos mellores tempos de dúas categorías, con premios para os gañadores. Todas as actividades serán gratuítas e adicadas a mozos e mozas de entre 12 e 35 anos.

Formación
No Espazo Lusquiños ofrécese tamén a posibilidade de dispór do Espazo, Sala de Formación, Salón de actos e Biblioteca, previa solicitude, para todos aqueles grupos formais ou non, asociacións xuvenís, organizacións, entidades, etc.
Así, desde este luns día 6 de xuño, abriuse o prazo para presentar proxectos que se incluirán na programación de actividades dirixidas á mocidade do Concello de Ourense, de xullo a decembro de 2022.

Poderán participar e presentar proxectos de actividades, todas as persoas físicas ou xurídicas, legalmente recoñecidas, con plena capacidade de obrar, capacitación técnica e habilitación profesional, e que non estean incursas nalgunha causa de exclusión ou prohibición para contratar coas administracións públicas.
Entre os proxectos que se poderán presentar, entre outros, haberá actividades de lecer; clube de leitura, cineforum, radio podcast con contidos de interés para a mocidade; plataforma de promoción da mocidade creativa e emprendedora a traves da web, youtube, redes sociais; teatro e expresión corporal; actividades para realizar en calquera día, de luns a domingo; ou calquera outra actividade novidosa, vinculada e dirixida á mocidade como poden ser actividades de verán, campamentos, festivais, concertos, torneos, ou mesmo concursos.
As bases estarán publicadas na web do Concello e o prazo de presentación será ata o luns 27 de xuño.

Locais de ensaio
Os catro locais de ensaio (parte fundamental deste espazo para a mocidade) que posúe o Espazo Lusquiños abrirán para todos aqueles que queiran darlle renda solta ás súas dotes musicais.
A concelleira de Xuventude do Concello de Ourense, Flora Moure, sinalou que a posta en funcionamento de novo destas dependencias “responde a unha demanda dos grupos e solistas, que levan vividos dous anos especialmente difíciles por mor da emerxencia sanitaria nos que tiveron moitas dificultades, non só para actuar, senón tamén para xuntarse”.

Abrirase, pois, un período de solicitude durante o mes de agosto, no que cada agrupación terá que indicar en que data desexa facer uso dos locais. Deste xeito, cada solicitante poderá reservar e utilizalo como mínimo, tres horas á semana. Ata ese mes ensaiarán os grupos que estaban antes da pandemia e outros que queiran vir probar previa solicitude.

Con esta proposta ofréceselle á mocidade unha oportunidade para achegarse ao mundo da música e de entrar en contacto con outras persoas da súa idade coas mesmas inquedanzas. «Tamén estimulamos», continuaba Moure, «que poidan intercambiar coñecementos e experiencias nunha etapa fundamental para a súa formación como persoas e, ao mesmo tempo, adquirir hábitos saudables de ocio, estimular o seu interese pola Cultura e descubrir que a música tamén pode ser un sector profesional ao que poder adicarse no futuro».

Co fin de que este espazo estivera nas mellores condicións posibles, o Concello actualizou, nos últimos meses, os equipamentos das salas, que dispoñen de batería, mesa de mezclas e altofalantes, entre outros. O uso destes espazos é completamente gratuíto. Ademais, os locais de ensaio están totalmente equipados, o que permite que só haxa que levar os instrumentos móbiles.

SOURCE: Espazo Lusquiños