O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou na inauguración.

Xunqueira de Espadañedo inaugura parque infantil

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse ao concello de Xunqueira de Espadañedo para participar, xunto co alcalde, Carlos Gómez, no acto de inauguración no parque infantil Elisa e Marcela, en homenaxe ás dúas escritoras galegas que protagonizaron un dos primeiros matrimonios entre persoas do mesmo sexo en España, un 8 de xuño de 1901, e construído grazas a unha axuda da Orde de Infraestruturas de uso público da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes que ascendeu a preto de 34.000 euros.

O delegado territorial explicou que o concello solicitou a creación na creación deste parque infantil debido ao déficit deste tipo de infraestruturas no medio rural, dando solución a unha necesidade moi demandada pola poboación moza. O parque está dotado do equipamento necesario de xogos infantís, coa instalación de diversos xogos adaptados á pendente do entorno e a colocación un pavimento elástico de caucho reciclado para garantir o seu uso nunhas condicións de seguridade axeitadas. Ademais, mediante esta actuación, ponse en valor un espazo arborado existente, de singular valor natural e paisaxístico, que presenta unhas características idóneas para este novo equipamento.

Gabriel Alén sinalou que a Xunta financiou estes traballos no marco da Orde de infraestruturas de uso público, coa que apoia as iniciativas dos concellos galegos para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. O Concello de Xunqueira de Espadañedo recibiu nos últimos anos máis de 411.000 euros das diferentes liñas de axudas da Vicepresidencia segunda.

O delegado territorial destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local, que é a mellor coñecedora das necesidades e demandas da veciñanza, xa que grazas a estas axudas, os concellos galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns e que non se poderían levar a cabo en moitas ocasións se non fose pola colaboración entre Xunta e concellos.

SOURCE: parque infantil Xunqueira Espadañedo