As Andrómenas e outros contos

O Rapaz do Asneiro quer casar!

Cando esperabas coa comida morna entre as brasas da Lareira, durmindo cun ollo aberto nas noites de esmorga daquela adiantada xuventude, onde eu quería comelo mundo e toleaba coma o galo da festa cando, coa machada, a avoa cortáballe o pescozo e desfacíase correndo sen cabeza cara a fonte de abaixo.
Como te erguías tan contento ás tantas da mañá! E conversabas comigo, a min parecíanme un dereito todos aqueles agasallos, non reparaba na dozura dos teus ollos de mel, nin naquelas esvaradías bágoas que fuxían entre risos moitas veces, coma as néboas do Asneiro no verán.
Aquela noite boteille un cubata ou dous, poida que tres, non levei moito a conta, para contarche aquela nova que teríamos que enfrontar precisaba estar entoado, ou polo menos, iso pensaba eu.
Sentiches a miña chegada e fixeches que ías mexar ao fondo do corredor para disimular a túa espera, para que non me pesara a túa vixilancia, miráchesme ós ollos e servícheste da botella de tinto un vaso de viño, pedíchesme un pitillo, só para romper o xeo, dinme conta porque a tí o «rubio» non che gustaba, achegaches unhas achas ao lume e uns carolos de millo, coma sempre de vagar, coa tranquilidade de quen sabe agardar. «Sen tempo non maduran as cereixas» penseí que era o que me ías dicir cando che contara o que acontecía.

– «Ves moi calado hoxe, botáronte da discoteca?”, dixéchesme sorrindo, “ou non había ambiente?»
– «Non, había, había, pero teño que contarche algo… algo moi grave, esta vez sí que a lieí de verdade».

Miroume outra vez, e axustou a pucha, rañou de paso a calva naquel xesto tan seu, coma invitándome a a continuar e agardou un pouco. Ao ver que non arrincaba faloume coa súa voz de amendoas e amorodos: – «non te preocupes Chiquito que sexa o que sexa eu estou contigo e se fixeches algo malo, por ti responde teu paí e teu pai inda está aquí», dixo tocándose o peito nun xesto de valor e confianza.
– «Non papá, non fixen nada malo; ou si”, e espeiteille de súpeto: «deixei preñada á moza». Vin como a mirada tristeira mudou.
– “Iso non é nada malo, son cousas que pasan, se a cabra dorme co castrón», e botoume un brazo por riba, «eu pensei que fora algo grave, que lle roubaras algo alguén, ou que te pelexaras por aí, esto non é grave, ti xa sabes co preñazo arránxase ao parir» e volveuse rir sacándolle importancia.
– “Papá, non te rías, isto non é de risa, agora téñome que casar, non vou a deixar a moza preñada coma se nada, ti sempre dixeches que mirara o que facía e que andase con coidado”.

Agachácheste e colliches un tizón do lume, achegáchelo ás lapas ata que prendeu lume nel, cando estaba ardendo preto da man tiráchelo as lapas de novo para que seguira ardendo, -«o que xoga co lume pódese queimar, pero iso que dis non é ningunha razón para casarse, un erro non arranxa outro».
– “E logo que queres que faga, que a deixe e que non mire polo fillo?”.
– “Non, home, non, ti podes non casar mais coidar do meniño e axudarlle á naí a crialo, pero non precisas casorios para iso, eu tamén che axudarei a facelo, que se é teu fillo será meu neto, non si?”.
– “É que ademaís ela inda é menor de idade, que queres, que me leven a cadea?”.
– “Pois non, pero se tes que ir irás, levareiche tabaco, pero sígoche dicindo que iso non é ningunha razón para casar”.

Ficamos calados un bo anaco, o Pachi, o noso can rabelo, tamén se foi achegando ao lume, nas noites de xaneiro, en Ribas do Asneiro, non convén estar ao resío a humidade volvese xeada. Xeado estaba quedándome eu tamén coas contestacións do paí.
– «Oe!», chamou a miña atención, miroume aos ollos e preguntoume: – “e ti, quérela?”. – “Home claro, papá!”.
– “Pero, quérela de verdade ou quérela porque dormes con ela?”.
– “Non, eu quéroa de verdade! a ti tamén che vai gustar, é moi guapa, a máis guapa, e é tan simpática, tan alegre, que cando rí, rise o mundo, e é tan lista e tan conversadora, ás veces non imos a ningún sitio, compramos uns bocadillos de tortilla na do Heladero e estamos falando ata que se ten que ir, vive coa avoa e tense que ir máis cedo ca min. E ten familia en Santomé é parente de Benito e de María e de Victorina”.
– “Ha de ser filla de Ernesto, entón, xa me dixeron que andabas cunha neta de Evangelina e de Faílde de Vilanova; vaia, tanto dicir que as da parroquia non che valían e agora parece que xa che van valendo? mais iso é o de menos, ti estás seguro de que a queres?”.
– “Xa cho dixen, queres que cho repita outra vez, sí, a quero!”.
– “Quérela tanto que che parece que non poderías vivir sen ela?”.

Quedei calado pensando isto último que preguntara, e sentín unha fonda dor no corazón de tan so pensar a posibilidade de perdela, viñéronseme as bágoas aos ollos. – “Sí papá, creo que non podería vivir sen ela”, díxenlle case chorando.
– “Iso sí que é razón para casar! Se empezaras por aí, acababamos antes!”. Colleume por debaixo dos ombreiros e ergueume coma se fora un meniño e abrazoume, despois serviu outro vaso de viño para él e colleu outro da espiteira para min, mediouno de viño e meteumo na man dicindo: – “pois entón haberá que brindar polo casamento”.
– “Teremos que facer unha boa voda!”.
– “Papá e como imos facer boa boda senón temos un can?”.
– “Pois agora, beberemos o viño e deitareimonos a descansar, mañá teño que madrugar e ir onde Pepe de Felisa para que nolos preste, e hai que ir a Trascastro, onde Adolfo, o xastre, para que nos faga uns bos traxes, non se vai casar un fillo meu de calquera maneira, e acórdate que é máis importante ter creto que cartos, os cartos, xa cho teño dito, son coma as follas dos castiñeiros van e veñen, pero o creto fala da persoa que es, que cumpre co que se compromete”.

Saquei unha foto da Bertiña da carteira e ensineilla, mirouna con atencion e díxome: – “tes razón, é moito mais guapa ca ti, está algo delgada pero eche boa moza… á túa naí tamén lle había de gustar”; vin como as bágoas amencíanlle nos ollos, pasáballe sempre ao lembrar a mamá, para cortalas mandoulle outro grolo de viño e acariñoume a cabeza coma cando era pequeno e díxome: – “alegra esa cara home e deixate de Andromenas que mañá cando volva da de Pepe hai que sacar o esterco da corte da Figueira, ven Elixio de Santomé co tractor e de paso xa lle pregunto pola túa moza”.

Avelino Jácome