Percorrerán a provincia ata o 17 de agosto.

Arrancan as Xornadas de Folclore coa representación de seis países

Tras dous anos de espera, o Teatro Principal de Ourense volveu acoller o acto inaugural das Xornadas de Folclore, un festival que percorre toda a provincia de Ourense entre os días entre o 8 e o 17 de agosto. Este evento, organizado pola Deputación e o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e que conta co apoio da Xunta de Galicia, chega este ano a súa 37ª edición, contando coa participación de 200 participantes -entre artistas e equipo técnico- procedentes de seis países diferentes, convertendo a Ourense nun epicentro da música e o baile tradicional de todo o mundo.

O acto que deu apertura ás Xornadas de Folclore comezou co desfile de bandeiras, no cal representantes de cada grupo portaron a bandeira do seu país polo corredor central do teatro, sendo mostradas neste ano as bandeiras de Chile -co grupo de Ballet Folclórico Municipal de Rancagua-; Angola -co grupo Ballet Himalaya-; Colombia -a Compañía Internacional de Danza Paipa-; Costa de Marfil -a Compagnie Artistique Mien-Moh-; Indonesia -coa formación Liga Tari Mahasiswa Kridabudaya-; e México, co Ballet Folklórico do Instituto Tecnológico de Celaya.
A continuación, proxectouse o documental “Ourense: arte, cultura e tradicións populares”, elaborado polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e actuou a escola de danza Castro Floxo.

Unhas xornadas que percorrerán a provincia de Ourense
Os seis grupos folclóricos percorreran durante os vindeiros días a capital e vilas da provincia, achegando os bailes e músicas tradicionais dos seus países de orixe aos ourensáns. O martes, 9 de agosto, os grupos de Costa de Marfil, Indonesia e Chile estarán en Bande, onde ás 20.30 horas realizarán unha actuación folclórica. Pola súa banda, os grupos de Angola, Colombia e México, visitarán A Rúa, onde mostrarán a música tradicional do seus países ás 20.30 no parque do Aguillón.

Celanova recibirá ó día seguinte, mércores 10, ós grupos de Angola, Colombia e México, que actuarán ás 20,30 horas no claustro do mosteiro. Dúas horas despois, os artistas de Costa de Marfil, Indonesia e Chile sairán ó escenario na localidade do Carballiño.

O xoves 11 será quenda en Allariz para os grupos procedentes de Costa de Marfil, Indonesia e Chile -estarán dende as 22,30 horas no Campo da Barreira-; mentres que Maceda acollerá ás compañías de Angola, Colombia e México, dende as 22,30 horas no patio do colexio.

Xa na xornada do venres 12, os grupos Compagnie Artistique Mien-Moh, Liga Tari Mahasiswa Kridabudaya e o grupo de Ballet Folclórico Municipal de Rancagua mostrarán as súas tradicións musicais no patio do colexio de Manzaneda, ás 22.30 horas. E a Compañía Internacional de Danza Paipa, o Ballet Himalaya e o Ballet Folklórico Instituto Tecnológico de Celaya realizarán o propio á mesma hora na praza do Prado, en Castro Caldelas.

Viana e Entrimo recibirán o sábado 13 os artistas: na primeira localidade, estarán os grupos de Costa de Marfil, Indonesia e Chile22.30 horas, na praza Maior-, e na segunda actuarán Angola, Colombia e México -20.30 horas, Alameda-.

Na xornada do domingo 14, Xinzo acollerá un desfile dos grupos procedentes de Costa de Marfil, Indonesia e Chile, que partirá ás 20 horas dende a rúa Toural ata a praza de Carlos Casares, onde ás 20.30 horas terá lugar o festival folclórico. Durante este día, Trives tamén poderá gozar deste evento, xa que ás 22.30 horas, no patio do colexio de Santa Leonor, terá lugar a actuación dos artistas de Angola, Colombia e México.

O día 15 de agosto, ás 22.30 horas, en Verín e O Barco terán lugar as actuacións folclóricas dos grupos participantes neste festival. Para o martes 16 de agosto, o protagonismo recaerá de novo na capital provincial, onde todos os grupos participantes percorrerán dende as 22.30 horas o núcleo histórico da cidade, partindo dende o parque de San Lázaro e rematando na praza Maior, cunha actuación conxunta a partir das 23 horas.

E como fin de festa, o mércores 17, no auditorio do Castelo de Ribadavia, todos os grupos darán peche ao festival cunha actuación que porá, dende as 23 horas, punto e final ás 37ª Xornadas de Folclore.

SOURCE: Xornadas de Folclore