Jácome quere organizar “o mellor Halloween de Galicia”.

Ourense prepara a Noite de medo máis «terrorífica»

55Un ano máis, o centro histórico de Ourense convérterase nun lugar «terrorífico» para a celebración do Halloween ou Samaín. Se o ano pasado fora un éxito total, este ano, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, dobra a aposta e presenta unha programación moi ampla, na que sería complicado determinar cal pode ser o plato forte dunhas actividades que se prolongarán desde a tarde do luns, 31 de outubro ata a madrugada do día 1 de novembro (día de todos os santos).
Se na edición celebrada en 2021 o lema fora “Ourense mete medo”, para esta ocasión a frase non pode ser máis clarividente: “non esperes a morrer para coñecer o inferno, ven a Ourense!”. Toda unha declaración de intencións para intuir o que agarda ese día polas rúas do casco vello da cidade das Burgas.

Aposta polo Samaín
Desde o ano 2019, o Goberno local fixo unha aposta decidida por esta celebración alcanzando unha moi boa acollida cun gran número de ourensáns e visitantes disfrazados e festexando unha data que ata entón apenas tiña repercusión. Despois do parón, en 2020, debido á pandemia da covid19, regresou o ano pasado cun gran alcance entre a poboación. Agora, para este ano, Jácome, agarda que sexa o da «explosión total». E avanza que será a «antesala do Entroido, que son as nosas festas maiores». «Temos que ser -nas dúas celebracións- os mellores de Galicia”, dixo.

Programación
O programa de actividades converterá o centro histórico de Ourense nunha “pasaxe de terror”, puntualizaba o rexedor. Trescentos actores e actrices ambientarán a festa, que inclúe un amplo programa de propostas, que se estenderán desde media tarde até altas horas da madrugada.

Tamén terá lugar unha escenificación do Día de mortos de México; espectáculos de animación a cargo de Pablo Méndez; Chaioso de medo; animación «Ourense de medo» de Queimán e Pousa ou “Morreu a Isabeliña”; os desfiles de cabazas, do Día de Mortos e da Santa Compaña; animación musical de DJ na praza Maior e o concerto do grupo Mago de Oz, na rúa do Progreso. O programa complétase cunha exposición fotográfica na Sala Valente a partir do 31 de outubro e a exposición “Mexicráneo”, no Paseo, desde o 27. En total, serán 300 actores e actrices os que ambientarán a festa.

O alcalde estivo acompañado na presentación por Emiliano Rodríguez, en representación da festa Chaioso de medo, que cada verán se desenvolve con grande éxito no Concello de Maceda. Serán tamén protagonistas de espectáculos de animación no Halloween de Ourense 2022. “Esperamos que a xente goce paseando polas rúas do centro histórico, sobre todo na praza Maior. Queremos trasladar aquí o que se poida do que facemos todos os anos o verán en Maceda. A xente que participamos non somos profesionais pero entregámonos en corpo e alma a facer que todos os que nos rodean o pase ben, que gocen e, se é posible, leven un susto, que é do que se trata”, asegurou.

Pincha aquí para coñecer a programación ao detalle. Pincha

SOURCE: Hallowen Ourense 2022