Deputación e Universidade de Vigo crean a Cátedra de I+D

O Pazo Provincial foi o escenario do acto de sinatura do convenio anual de colaboración entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, que conta cunha achega total de 300.000 euros. Estes fondos serán destinados á creación da Cátedra de I+D de planificación rural e reto demográfico, ademais da promoción de actuacións e programas en materia de cultura, educación e deporte, a desenvolver no campus de Ourense ou no ámbito territorial da provincia de Ourense, e que redunden en beneficio da sociedade e do interese xeral da provincia.

Manuel Baltar quixo resaltar “ese compromiso que ano tras ano que ten esta institución co Campus de Ourense”, o cal se transforma en diferentes accións como este convenio, “que significa a posta en marcha da actividade de difusión cultural, e cuxa contía se incrementa este ano para incluír unha medida innovadora a nivel nacional como a posta en marcha da Cátedra de planificación rural e reto demográfico”.

O presidente do goberno provincial destacou que esta nova formación é “unha cátedra única no sistema universitario, que afonda na preocupación polo desenvolvemento do noso medio rural e das súas potencialidades a través do talento que hai na Universidade de Vigo e que permite proxectar o Campus e a provincia xunto co resto de actividades recollidas no convenio”.

Manuel Reigosa agradece “a confianza que a Deputación lle presta ao Campus de Ourense”
Pola súa banda, Manuel Reigosa agradeceu “a confianza que a Deputación lle presta ao Campus de Ourense a través de axudas que serven para facer de Ourense unha provincia desenvolvida”. En referencia á Cátedra de planificación rural, o reitor da Universidade de Vigo indicou que “axudará ao desenvolvemento doutros proxectos paralelos de investigación, e que poñerá enriba da mesa todo o talento a través dunha serie de propostas que arroxen luz sobre o futuro do rural ourensán, en eidos como o turismo ou as enerxías renovables”. Tamén defendeu “o compromiso da universidade coa difusión da cultura galega, labor que poderá ser se extensible á provincia de Ourense grazas a estas axudas”.

“Estamos moi esperanzados de que isto poida supoñer un vieiro de colaboración entre ambas institucións nos vindeiros anos nos que aspiramos a seguir sendo unha universidade pegada a Ourense”, explicou Manuel Reigosa.

Programas de extensión universitaria recollidos no convenio
Entre o amplo catálogo de actividades para a comunidade universitaria que contarán coa colaboración da Deputación destacan un programa específico de apoio a grupos de investigación do campus de Ourense (INOU 2023), un plan de apoio á mobilidade estudantil, bolsas para o alumnado do rural ourensán, o Curso Avanzado de Posgrao de Didáctica da Ficción e Creación Literaria, ademais da xa mencionada creación da Cátedra de I+D de planificación rural e reto demográfico.

Ademais destas actividades principais, tamén forman parte da colaboración o resto de accións de extensión universitaria entre os que se atopan diversos cursos e obradoiros -entre eles, un curso de audiovisual organizado pola Fundación Carlos Casares-, exposicións, roteiros culturais, actividades de teatro e coro, ciclo de documentais, a participación nos programas “Portugués Perto” e “Aldear”, a celebración do Día das Letras Galegas, e outras actividades de carácter cultural.