Galicia vacinará contra o virus respiratorio sincitial

A sanidade galega será a primeira do mundo en incorporar a inmunización fronte o VRS.

A sanidade galega será a primeira do mundo en incorporar a vacina contra o virus respiratorio sincitial. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi quen anunciou esta medida que converte á sanidade galega na primeira do mundo en incorporar ao seu calendario vacinal a inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS).
Estudos clínicos desvelaron que este virus pode infectar ao 90% dos bebés menores de dous anos e causa bronquiolites e pneumonías. Ademais, o mesmo está na orixe de 1.000 hospitalizacións (cunha estadía media de 6 días) e de máis de 10.000 consultas pediátricas cada ano en Galicia.
A revista médica New England Journal of Medicine publicou que este anticorpo monoclonal, fronte ao VRS, evita en torno ao 80% das asistencias médicas relacionadas co virus e das hospitalizacións infantís causadas por bronquiolites ou pneumonías.
O presidente Rueda indiciou que «neste inverno, particularmente complexo, comprobamos o impacto que o VRS pode ter nos lactantes», unha poboación «na que practicamente se duplicaron as hospitalizacións causadas por este virus”, afirmou.

Adquisición vacinas
Á luz desas cifras, comezouse a traballar -baseándose nas recomendacións dos técnicos da Consellería de Sanidade e do comité asesor de vacinas do Sergas e co aval da Asociación Española de Pediatría– na adquisición desta vacina desde o primeiro momento no que foi aprobada pola Axencia Europea do Medicamento.
A Dirección Xeral de Saúde Pública licitará, nas vindeiras semanas, a adquisición desta nova vacina, que se prevé comezar a dispensar en outono deste mesmo ano, antes da época con maior impacto do virus respiratorio sincitial.

Ampliación da vacina fronte ao rotavirus
Así mesmo, o Consello deu luz verde á ampliación da vacina fronte o rotavirus. Ata agora, no que a lactantes se refire, só se administraba gratuitamente a bebés prematuros, para facelo, a partir de agora, a toda a poboación infantil menor de dous anos. Este virus provoca unha gastroenterite que afecta especialmente aos máis pequenos, sendo o 85% dos hospitalizados por esta doenza menores de 2 anos.

Investimento
Incorporar estes dous preparados ao calendario vacinal infantil suporá un investimento anual de 5,1 millóns de euros. Isto fai que a cifra total destinada, por parte da Xunta, a vacinas ascenderá aos 34 millóns de euros anuais.
Grazas a esta medida “Galicia dá unha nova mostra do seu compromiso coa inmunización e reforza un calendario vacinal infantil que xa é o máis avanzado e completo do mundo”, subliñou o presidente autonómico. Cómpre lembrar que en 2022 comezou a administrarse de xeito pioneiro en España, a vacina fronte ao meningococo B aos bebés a partir de dous meses de idade, ampliouse a protección fronte ao virus do papiloma humano a todos os nenos varóns de 12 anos e ofreceuse a antigripal tetravalente a todos os menores de 5 anos.

Virus sincitial respiratorio
Se ben é certo, que o virus sincitial respiratorio aseméllase ao un resfriado común (cunha curación, sen maior complicación, dunha semana), tamén é certo que o aumento destas infeccións fai que moitos dos bebés que o padecen precisen de hospitalización, xa que pode derivar en complicacións que provoquen bronquiolitis ou pneumonía. Tamén o padecen persoas maiores e/ou con outras patoloxías.
Por norma xeral, esta enfermidade viral ten síntomas leves. Porén, poder ser que se compliquen algúns casos e conleve infeccións pulmonares de certa gravidade.
No tocante aos síntomas, estes tardan en aparecer uns cinco días e entre eles están: febre, conxestión nasal, espirrar moi repetidamente.
Ao ser un virus respiratorio, a súa transmisión pode chegar a través do aire; ao tocar algo e logo levar a man boca, nariz ou ollos; ou ao estar en contacto directo cunha persoa contaxiada. Estas, serán contaxiosas durante, alomenos, unha semana.