‘Xornal Auga’, do colexio Carmelitas, gañador do Premio Innovaugas 4.0

O vídeo gañador traslada a importancia da economía circular, ensinando a facer uso das 5 R: reciclar, reutilizar, reducir, reparar e recuperar.

Os escolares de 2ºB do colexión Carmelitas da cidade de Ourense foron os gañadores do Premios Innovaugas 4.0. Uns premios impulsados por Augas de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Os mesmos, que ían dirixidos aos nenos de 1º e 2º de Primaria de toda Galicia, buscan fomentar entre os máis novos o coidado da auga e o uso responsable deste ben prezado cada vez máis escaso, ademais de fomentar entre o alumnado bos hábitos na utilización da auga e o coñecemento do comportamento dos ecosistemas hidrolóxicos naturais, as dinámicas fluviais ou os riscos asociados a eventos extremos ou ao cambio climático. Entre os colexios participantes, elixíronse catro gañadores, un por provincia, ademais de finalistas. Para participar no concurso, os participantes debían elaborar un vídeo dun minuto de duración como máximo, pensado para a súa difusión a través das redes sociais, sobre o ciclo da auga, a importancia social e ambiental deste recurso ou sobre a necesidade de respectalo e preservalo.

Ata o propio colexio desprazouse a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle -xunto ao delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén- para facer entrega do premios aos alumnos vencedores. Vázquez Mourelle, xunto a Alén, fixo entrega do galardón, dotado de 3.000 euros. Ademais deste galardón, os membros dos 16 equipos finalistas foron obsequiados cun bidón de auga fabricado con plástico reciclado.

Nivel e orixinalidade
Do vídeo gañador pola provincia de Ourense, ‘Xornal Auga’, a conselleira destacou a súa elaboración, o seu nivel didáctico e tamén a súa orixinalidade. Para a súa elaboración os alumnos empregaron o formato de telexornal, onde eles mesmos son os reporteiros que relatan os problemas que ten o planeta, como un mar cheo de lixo e de plásticos.
Con este vídeo, subliñou a conselleira, “os rapaces trasladan de xeito moi gráfico, con imaxes moi ilustrativas, a importancia da economía circular, ensinando a todos a facer uso das 5R: reciclar, reutilizar, reducir, reparar e recuperar. Cinco “R” que, remarcou, son indispensables para coidar o medio ambiente, a auga e o planeta”.
A conselleira felicitou aos profesores pola implicación e o estímulo aos rapaces, e tamén aos alumnos de 2º B pola súa capacidade como reporteiros á hora de informar dos problemas que afectan ao planeta, que debemos coidar entre todos.

Éxito de participación
Tamén expresou a satisfacción da Xunta pola acollida da convocatoria e o éxito de participación dos colexios galegos. Puxo como exemplo os vídeos presentados polos alumnos de 1º A, B e C e de 2º A e B deste centro escolar, cos que os rapaces ensinan o mellor xeito para transmitir esa mensaxe de coidado da auga; e valores e consellos para preservala e non malgastala.
En concreto, foron 5 vídeos elaborados polos rapaces do colexio Carmelitas de Ourense: ‘Xornal Auga’; ‘Detectives da auga’; ‘Versos comprometidos’ e ‘Salvemos a Terra’ que resultaron todos eles finalistas; e outro 5º vídeo presentado, ‘Super-Acuamáns’. Estes traballos, tal e como salientou a conselleira, abordan de xeito orixinal distintas temáticas sobre a utilización e contaminación da auga; con mensaxes e consellos cos que os rapaces ensinan o que se debe e non facer coa auga; animando tamén aos maiores a mudar as condutas perxudiciais para o noso medio.

Estes premios enmárcanse no proxecto Innovaugas 4.0, promovido pola Xunta para acadar solucións novas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos, en equilibrio co medio natural.

Innovaugas 4.0
A Xunta impulsa o Proxecto Innovaugas 4.0 con solucións novidosas para a xestión eficiente da auga, nun escenario de cambio climático. Este proxecto da xestión avanzada dos recursos hídricos galegos, foi galardoado como mellor iniciativa pública no sector da auga nos premios ‘Water Europe Innovation’.

O proxecto conta cun orzamento de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. O plan foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 e conta cunha axuda de fondos europeos de 4,2 millóns de euros, sendo cofinanciado tamén pola Axencia Galega de Innovación, con 700.000 euros, e por Augas de Galicia, con 2,1 millóns.

Os proxectos impulsados no marco desta iniciativa están en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando os obxectivos ambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático. Na liña desta iniciativa, están a potenciarse proxectos como as diferentes solucións tecnolóxicas para avanzar na xestión de datos e na capacidade para predicir as inundacións ou a seca, garantindo a protección do medio e das persoas.

Outro exemplo das actuacións propostas é o desenvolvemento dun sistema para optimizar o consumo enerxético e garantir a calidade da auga vertida nas depuradoras. Esta intervención materializarase como un proxecto piloto nas plantas de Baiona, Nigrán e Gondomar, co fin de cubrir o maior rango de procesos habituais destas instalacións de pequeno e mediano tamaño.