Cartas desde Copenhague

«Érase unha vez»

Facía tempo que non vos mandaba unha carta. Agora lévanse máis as mensaxes ou audios de WhatsApp. Por aquilo da inmediatez, a posibilidade de compartir fotos e vídeos cunha ou varias persoas simultaneamente, e, sobre todo, pola escaseza de tempo, ese mal do que padecemos a maioría dos humanos do século XXI. Pero a escritura pausada e minimamente reflexionada segue sendo o meu modo favorito de comunicación. As cartas parécenme máis emocionais, profundas, e íntimas. Por tanto, regreso á epístola.

Desde as miñas últimas noticias, pasaron moitas cousas: unha pandemia global, dúas olimpíadas, varias eleccións, referendos de toda índole, desterros, abdicacións e coroacións. Entre evento e evento, saíronme máis canas. Aos meus 44, aínda non porto a fronte marchita, pero si moitas experiencias e anécdotas que me apetece moito compartir.

Tamén cambiei de escenario. A última carta que enviei foi desde Londres. Desde o 2011 choveu o seu en Galicia, Reino Unido e en Dinamarca, país no que resido desde hai 12 anos. Cando os aires de Brexit estaban a tomar impulso en Inglaterra, aproveitei o reclamo da Universidade de Humanidades de Copenhague para mudarme a Escandinavia. Por suposto, axudou que o máster se impartise en inglés, e fose gratuíto para cidadáns europeos. A economía, coas rabexadas da crise do 2008 aínda pegando forte, non estaba para moitos fogos artificiais. Pregúntome cando o estivo!

Non tardei máis de dous segundos en decidir facer as maletas cando recibín a carta de aceptación da universidade danesa. Pouco sospeitaba entón o tremendamente difícil que se me faría a integración no país co índice de felicidade máis alto do mundo. En sucesivas cartas, relatareivos con máis luxo de detalle os obstáculos que tiven que ir sorteando, a maiores dos obvios: estar lonxe da familia e dos amigos, un novo idioma, unha nova cultura, e aprender onde demos leva a “h” Copenhague.

Paradoxalmente, existen moitas costas cara arriba nun país que carece de montañas. Pero o certo é que a pesar das dificultades, hoxe podo dicir que querer ser unha emigrante en Dinamarca foi unha boa decisión. Aínda que se me siga facendo difícil pensar así entre novembro e maio, a inesgotable luz destes veráns exerce unha estraña (e necesaria) amnesia temporal, e compensa con fartura os 6 meses de escuridade que sufrimos nos invernos deste país. Non aptos para todos os públicos.

Esta carta será unha máis das 7.000 millóns de mensaxes compartidas a diario entre os máis de 2.000 millóns de usuarios en todo o mundo. Posto así, dá un pouco de vertixe a cantidade de datos nos que mergullamos; o coñecemento, as ideas, as expectativas que xeramos (…).E aquí estou eu, nalgún punto desta torre de Babel, contribuíndo ao despregamento de narrativas existentes.

Veño para contarvos anécdotas dos nosos coñecidos viquingos, que no seu día chegaron, viron, pero non venceron. Con estas palabras, convértome en parte da amálgama de voces contemporáneas de milleiros de emigrantes que imos buscar fortuna máis aló das nosas fronteiras. Achegando, e levando sempre connosco un pouquiño de Galicia. Como calquera historia, así e aquí comeza a miña “Érase unha vez”.

Raquel Sertaje