Desde a Ponte a… Monterrei

“Os Pescadilla” Entroido con alma

A noite cae na vila. Unha néboa intensa, quere agochar a luz tenue dos farois. A praciña silenciosa, espera paciente o bulicio e a algarabía. O paseo nocturno, lévame como levitando sobre as pedras desgastadas, cara un dos recunchos máis enxebres do vello Verín. É, no misterioso canellón da Muralla, onde xa cheira a entroido. O inmaculado carreiro, espera o intre máxico dos intrépidos e veloces cigarróns, rapaces indomables que levantarán unha vez máis o espírito dunha tradición centenaria. Acougo un anaco, e sentado na escada sen varanda, que está fronte a casa dos Pescadilla, deixome levar polas lembranzas da infancia, e imaxino o Suso e a Luisina, argallando a parodia que ben seguro nos ía a namorar. Daquela, o amor, foi o condimento fundamental desta insuperable parella de entroido. Cada domingo gordo daban a lección máis fermosa.

Detrás dos disfraces enxebres e da parodia innata, nacida dunha creatividade prodixiosa, estaba a mestura dunha sincronización entroideira difícil de superar. Eles, pariron as comedias máis sonadas, momentos que gravados nas lembranzas, sempre quedarán vivos, na historia do noso entroido. Non esquecerei xamais aquela “Chacha con súper bebé” , “matalobos”, “barquilleiros”, “castañeira”, “galeguiños” e un sen fin de parodias, que con refinada naturalidade, representaban sempre con gracia e arte supremo. Non chega só co disfrace, compre algo máis.

A complicidade e a interpretación espontánea, ligaban coa catarse e transformación dos personaxes, que inventaban de maneira extraordinaria. Elegantes e altivos, sempre presumindo da humildade galega, do traballo no rural e das tradicións esquecidas. Tiñan maxia, e sen darse conta, con aquelas secuencias, facían que por un intre, viaxaramos ás añoradas escenas da vida nas aldeas, onde as lareiras e os fumeiros lucían o material gastronómico máis enxebre, abrindo o apetito dos que miraban nas ateigadas beirarrúas. Despois das parodias xurdía a confraternidade cun xantar na cova da Luisina, esa adega chea de meigallo, onde ninguén é forasteiro.

Mesa grande, boas viandas, e viño a fartar. Alí cantábase moi ben. As cantigas de entroido, florecían sempre das gorxas afinadas con gusto, no cumio da exaltación desta festa tan querida. Onde vas, boi que non ares…., rezaba nun cartel, con mensaxe directo, e retranca verinesa.

Acontece ás veces, e no rumbo que nos pon a vida, o infortunio, déixanos espidos a mercede da providencia. Xesús Otero “O Pescadilla”, hai tempo que nos deixou orfos daquel entrañable entroido das parodias na rúa. O tempo fuxe sen tregua, mais nas profundidades do enxebre, nos ecos alongados do barrio vello, aínda podemos escoitar os febres latidos daquela persoa boa, que sen dúbida, deixou pegadas difíciles de esquecer.

A vida segue imparable. O legado do “Pescadilla” ten percorrido. A súa dona, a incombustible Luisina, os fillos Marilis e Suso, xunto coas netas Esther e Ánxela, seguen argallando momentos divinos, entroidando co espírito que o avó lles deixou, que non foi outro que facer de maneira sinxela entroido con alma, ingrediente imprescindible, para ter en conta, e que sen dúbida deberíamos usar con máis frecuencia, cando queiramos loitar con éxito, nas batallas deste entroido.

Ai anos, fixen esta copla en homenaxe a Suso e Luisina “Os Pescadilla”, que hoxe, comparto con vostedes.comparto con vostedes.
Alá ven o Pescadilla
xunto coa súa dona
facendo entroido na praza
cunha locomotora.
Castaña pilonga
berra a Luisina
son a tres pesos
a parte a propina.
Señor Otero
que dende o ceo fas entroido
deixaches marcado
o teu territorio
xoldas, estrolas e amizade
unha herdanza interminable
para os que amamos este entroido
que Deus cho pague!

Miguel A. Prieto “Chitín”