Marca escandinava

Cartas desde Copenhague

Cando vivía en Londres e coñecía a algún Escandinavo, fascinábanme deseguido.
Tras un máster en Psicomarketing, podo confirmar que esa fascinación tiña moito que ver con todo o que rodea a marca escandinavia; unha marca que evoca unha cultura de xente organizada, moderna, sustentable e demócrata. Ninguén soubo asumir e practicar estes valores en Europa como os modernos viquingos. Como cambiaron as cousas!

Como mostra con todo luxo de detalles a serie Viquingos, os escandinavos non sempre foron amantes do hyggeligt. É máis, eran unha tribo destacada e temida en todas as comarcas costeiras do noso continente polo seu gusto pola violencia e por uns estándares éticos moi afastados do máximas romano católico-apostólicas do resto da Europa medieval. Pero a mercadotecnia xoga malas pasadas e fai posible que convertas unha historia de violencia nunha de aventuras na que terminas admirando as sagas guerreiras e até o mesmo Valhalla, unha sorte de paraíso no que se pasan o día bebendo cervexa, comendo bacon, e destripándose uns a outros no campo de batalla.
Para gustos…

Cando me mudei a Dinamarca, o devandito «todo o meu gozo metido nun pozo» adquiriu todo o seu máximo esplendor. É moi fácil quedarche abraiada polo seu sistema de benestar (cando consegues entrar) e os seus sorrisos perfectos (cando os ves sonreir.

No inverno é complicado se non hai alcol polo medio). Pero nada máis chegar, deseguido me dei conta que os viquingos que tiña en mente, quedaran nas costas inglesas e nalgún recuncho de Catoira, Tui ou Betanzos. Aquí era outra película. Non é que tivese sede de batalla, non me malinterpreteis, pero imaxinábame un pobo de espítritu feroz, cunha mentalidade aberta e cosmopolita como a que deixara atrás en Londres. Como esquecer as primeiras palabras de alento que me deu o taxista nada máis chegar a Dinamarca. Cando lle dei a dirección do piso que me custou deus e axuda atopar, e díxenlle que me ía a quedar dous anos en Copenhague, o bo home púxose moi serio e díxome: – «Sei que non me vas facer caso, pero permíteme que che dea un consello: xamais cases cun danés! nunca! Son fríos. Están baleiros. Non teñen alma!».
«Ok. Benvida a Dinamarca! Isto promote», pensei. Iso, e que a este señor non o puxo o concello; ou si! Nunca sabes con esta xente. Doce anos despois, sorrío para os meus adentros ao acordarme dese momento e a cara que se me quedou cando cheguei ao piso e non atopei a ducha por ningunha parte.
«En Copenhague os pisos antigos non teñen ducha nin lavadora. Usamos as comunais«, díxome o caseiro, un señor de Ghana que me cronometraba o tempo de cocción dos macarróns, e sempre me dicía que se algún día visitaba Islandia, non lle dixese a ninguén que o coñecía.
Non teño máis preguntas señoría.

Efectivamente, a ducha comunal estaba no garaxe. Imaxinade ducharvos cada día con cheiro a gasolina nun soto tipo nordic noir, escuro e frío. Non era precisamente un spa, non. Aquilo foi o que vén sendo unha entrada triunfal. Ou iso, ou estaba morta e entrara en Valhalla pola porta grande. Xusto aí empecei a estrañar a moqueta dos baños ingleses. Ao que chegamos!
Os comezos teñen as súas cousas. A emigración depárache sorpresas. E os estereotipos xogan malas pasadas. Pero é o máis fascinante de coñecer un pobo e a súa cultura; un proceso que pasa por encima de todas as narrativas propias e alleas, e atravésache de modo tal, que nunca máis serás a mesma persoa. É unha experiencia na totalidade do seu sentido.
Dos viquingos de hoxe en día seguireivos falando na próxima carta.

Raquel Sertaje