A Asociación Por Eles TEA celebra a súa Gala benéfica

Será este sábado día 13 no Auditorio a partir das 18.30h.

O Auditorio municipal de Ourense acollerá o día 13 de abril a segunda Gala benéfica por Eles TEA. A concelleira de Asuntos Sociais, Ana Fernández Nieto, recibiu no salón de plenos a María Losada, vicepresidenta da asociación Por Eles TEA, Rebeca Iglesias Fernández, vogal da asociación e a Marta Bravo Taboada, directora do estudio Repenica, que traballan na organización deste evento, que ten o Concello de Ourense como colaborador principal.

A gala ten como finalidade “visibilizar o autismo, sensibilizar a sociedade e axudar cos proxectos que pretende desenvolver a asociación”, segundo explicou María Losada. Será, avanzou, “un espectáculo precioso de música e de danza, no que contaremos algunhas cousiñas acerca do autismo e da nosa asociación para que toda a sociedade ourensá nos coñeza mellor”. Será a segunda edición desta iniciativa, logo da exitosa experiencia inicial do ano pasado no Teatro Principal, trasládase este ano a un espazo de maior capacidade, como é o auditorio.

O espectáculo contará coa participación da Escola Estudio Repenica, a banda Tango y Cash, as escolas de baile Catro Pasos e Tics e o coro universitario e estará presentada polo actor e escritor Pablo Piñeiro. Será o día 13 de abril ás 18.30 horas, e as entradas (8 euros) están xa á venda na páxina web de Ataquilla. Tamén hai unha fila 0: ES90 2100 4147 8922 0011 3712.

Por Eles T.E.A. é unha asociación sen ánimo de lucro, creada en 2018 por nais e pais de nenos e nenas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), que buscan atopar un espazo onde se atendan todas as necesidades que hoxe en día poidan ter os seus fillos e fillas, e buscarlles un futuro mellor.