Cun sistema pioneiro de análise biomecánica con intelixencia artificial.
O proxecto “Dixitalización na valoración física con acelerómetros e intelixencia artificial”, liderado polo CIFP A Farixa e impulsado polo docente Roberto Bernárdez Vázquez, vén de ser recoñecido cun Premio de Innovación Educativa 2025 na modalidade A (Innovación tecnolóxica ou científica), dentro da convocatoria promovida pola Dirección Xeral de Formación Profesional da Xunta de Galicia.
A iniciativa, na que tamén participa o IES Laxeiro e conta co apoio do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, propón unha solución tecnolóxica avanzada para a valoración obxectiva de probas físicas, como as dominadas, comúns en oposicións a corpos como a Policía Nacional ou os bombeiros. O sistema baséase na análise biomecánica mediante IMUs (Unidades de Medición Inercial), que integran acelerómetros, xiroscopios e magnetómetros, e procesa os datos a través de algoritmos de aprendizaxe automática (machine learning), capaces de distinguir con precisión entre execucións correctas e incorrectas.
A idea naceu dunha necesidade práctica detectada polo profesorado do CIFP A Farixa e foi desenvolvida inicialmente como un Proxecto de Formación para profesorado de Formación Profesional (PFFP). Nesta primeira fase colaboraron o departamento de Actividades Físicas e Deportivas e o de Electrónica, coa participación do experto en biomecánica e doutor en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Robert Usach. O profesor Roberto Bernárdez Vázquez, que ademais de graduado en Ciencias da actividade física e do deporte é enxeñeiro informático, asumiu a programación do sistema, tanto a parte de hardware como de software, así como o deseño e adestramento dos modelos de machine learning co apoio do resto dos compañeiros.
O primeiro prototipo, foi capaz de clasificar con alta fiabilidade movementos sinxelos. Co impulso do premio, que conta cunha dotación económica, o equipo busca agora mellorar o dispositivo, validalo para o exercicio específico das dominadas e colaborar co Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia (COLEF Galicia), que realiza a peritaxe destas probas, para adestrar o sistema segundo os estándares oficiais.
Ademais, grazas á colaboración co CGIFP Eduardo Barreiros, traballarase para enriquecer o proxecto incorporando a realidade virtual, a través da súa liña de traballo de experiencias inmersivas, e para desenvolver estratexias de emprendemento para levalo ao mercado mediante a súa protección legal e patentado co soporte da área de emprendemento industrial. O obxectivo a medio prazo é abrir novas vías de autoemprego e crear solucións transferibles a outras aplicacións no eido da saúde, o deporte e a educación.
Este proxecto exemplifica o potencial transformador da Formación Profesional galega, conectando tecnoloxía, educación e emprendemento nunha aposta decidida pola innovación con impacto social e económico.
Para Jose Manuel Paredes, director do CIFP a Farixa e coimpulsor do proxecto, “este premio é un aval a nosa estratexia de conexión entre a formación profesional e os sectores produtivos da nosa contorna”, manifestando que conecta “coa nosa visión do CIFP A Farixa como unha entidade viva e conectada coa realidade circundante, na que o alumnado participa activamente de proxectos transformadores, o que redunda na súa formación, pero tamén na mellora dos sectores profesionais, sociais e culturais da contorna”.