«Nesta 30ª edición, aínda que a xente non o perciba, xa está vendo a semente do que vai vir o ano que vén»

Entrevista a Óscar Dovizoso, director do Ourense Film Festival.

Óscar Dovizoso colleu as rendas do Ourense Film Festival para elevalo a outro nivel nun 2025 no que o festival cumpría 30 anos. Coa misión de darlle un pulo, Dovizoso e o seu equipo sacan peito dos datos arroxados tralo remate desta edición.

Como foi a trixésima edición do OUFF.
Óscar Dovizoso: «Pois a 30ª edición do festival foi, nunha palabra, espectacular. Tivemos moitísima asistencia de público tanto nas salas como nas actividades paralelas, unha implicación en todas as propostas que levamos a cabo como bono10. En definitiva, estamos contentos por esta subida respecto ás cifras dadas o ano pasado. Date de conta que contamos con 14.000 asistentes, e aínda quedan algúns actos máis do festival, o cal pasaremos dos 15.000, e iso significa un incremento máis dun 50%, así que, ben».

Cando collistes as rendas do festival era un reto a superar.
Ó.D.: «A ver, claro que era un reto xa non só por chegar novos, senón porque era unha edición conmemorativa, unha data sinalada, 30 edición, número redondo, o cal tiñamos que cumprir con moitas expectativas, xa non falo só a nivel de espectadores, senón de programación, de contidos, de diversidade, de incluso, dar un pequeno paso máis aló e que o festival se perciba fóra do noso territorio; e ben, eso tamén logrado con creces. Xa soamente sair como festival recomendado en un programa como Días de Cine, ou estar presentes en Madrid en diferentes espazos como a Estación de Chamartín, de Atocha… É dicir, cumplido con creces, eu penso, todo o que se esperaba desta 30 edición».

No persoal, unha persoa tan vinculada ao arte, que supuxo para ti coller a dirección do festival?

Ó.D.: «Pois nun primeiro momento para min supuxo un vértice por todo o que isto conleva, que ao final é adicarle casi o 100% do teu tempo a desenvolver un proxecto que, por outro lado, me fai moitísima ilusión como ourensán, como creador, para dar unha mellor visibilidade ao Festival da miña cidade».

Non se rematou a 30ª edición, pero hai que pensar na 31ª.
Ó.D.: «Ben, entre ti e eu, na 31ª xa pensamos cando arrancamos esta edición, porque precisamente nesta edición, aínda que a xente non o percibira, xa está vendo a semente do que vai vir o ano que vén».