Estará ubicado no parque Angelita Paradela (Barrocás).
Ourense contará o vindeiro ano cun novo parque canino, no barrio de Barrocás. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asinaron o protocolo de colaboración que permitirá levar a cabo esta actuación, que ten como finalidade fomentar o benestar dos animais de compañía e ofrecerlles un espazo seguro e axeitado para o lecer, ao tempo que se favorece a convivencia entre persoas e mascotas. Este parque canino será o segundo destas características en Galicia.
Esta área localizarase no parque Angelita Paradela, nunha parcela de 2.100 m2 cedida polo Concello que, ademais, tamén facilitará os permisos municipais necesarios para a obra e farase cargo do seu posterior mantemento e xestión. O Executivo galego, pola súa parte, asumirá a redacción do proxecto e a posterior construción desta infraestrutura recreativa.
A falta de que se concreten os detalles de deseño no proxecto estará equipado con diferentes elementos destinados a garantir o ocio, lecer e exercicio físico dos animais de compañía, así como o mobiliario necesario para os seus propietarios.
Iniciativa
Durante o acto de sinatura, celebrado na sala Valente, a conselleira Ángeles Vázquez destacou a relevancia da iniciativa, lembrando que na cidade están rexistrados 18.517 cans, o que significa que “un de cada cinco ourensáns ten un animal de compañía”. Avanzou que as obras poderían comezar en xaneiro, co obxectivo de abrir o parque na primavera de 2026. O recinto, detallou, estará pechado cun valado de seguridade, e contará con zonas de xogo e socialización para os animais, así como con fontes bebedeiro, mobiliario urbano e bancadas para o descanso das persoas acompañantes.
Pola súa parte, Gonzalo Jácome subliñou a vontade do Concello de colaborar neste proxecto, que se desenvolverá nun espazo clave a nivel residencial, como é o barrio de Barrocás, onde tamén está previsto o próximo inicio da construción das novas piscinas públicas.
O rexedor explicou que o Concello pretende acondicionar tamén outro parque canino, de tipo fluvial na contorna do Miño, para o que espera contar novamente coa colaboración da Xunta.
Fontes para cans
O Concello de Ourense instalou cinco novas fontes de auga potable para cans en diferentes zonas da cidade. As novas fontes están na praza do Couto, a praza de San Marcial, a Alameda, a praza Daniel González (As Lagoas) e o parque de San Lázaro, cinco zonas con alta afluencia de persoas que pasean cos seus cans a diario.
Este novo equipamento permitirá que as mascotas dispoñan de puntos de hidratación axeitados, especialmente durante os meses de verán cando as temperaturas son máis elevadas na cidade.




