A Xunta continúa coas accións para salvagardar as captacións de auga na comarca de Valdeorras

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou a zona onde supervisou as actuacións ao tempo que participou na xornada de voluntariado ambiental ‘Protección dos solos afectados polos incendios nos montes de Vilamartín de Valdeorras’.

A Xunta de Galicia coas accións para paliar as consecuencias da vaga de lumes do pasado verán. Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou a comarca de Valdeorras para comprobar as actuacións que se están a levar a cabo ao tempo que participou na xornada de voluntariado ambiental ‘Protección dos solos afectados polos incendios nos montes de Vilamartín de Valdeorras’. A devandita xornada foi promovida pola Afundación, coa colaboración do Goberno galego e o Concello de Vilamartín de Valdeorras.

No lugar de Abelaído, parroquia de San Vicente, o delegado territorial, acompañado do alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, reiterou a prioridade da Xunta por unha restauración urxente e o máis rápida posible; “e niso estamos a diario”. “Sabemos que as consecuencias foron graves, tanto no económico como no emocional e o noso compromiso é estar á beira daqueles que sosteñen o tecido produtivo dos nosos pobos”, salientou Manuel Pardo, quen asegurou que “a agricultura e a gandería son esenciais para manter vivos os nosos pobos, xerar emprego e coidar o territorio. Protexelas é protexer a vida no medio rural e garantir o futuro de todos. Sen persoas no mundo rural non hai xestión do territorio”, sentenciou.

Accións de voluntariado
Manuel Pardo explicou que o obxectivo da actividade é controlar a erosión para evitar a perda de solo e a súa chegada ao río Leira, punto de abastecemento de auga do Concello. O traballo consiste na realización de acolchado (mulching): reparto de palla por toda a superficie para evitar a erosión, perda de solo e chegada das cinzas á mina de auga.
“Actividades como a que estamos a desenvolver -subliñou o delegado territorial- son unha oportunidade para contribuír directamente á recuperación do patrimonio natural galego, ao tempo que se fomenta o espírito solidario e o compromiso ambiental”.

Manuel Pardo significou tamén a acción de voluntariado organizada pola Xunta, que tivo como obxectivo ofrecer unha resposta rápida a dous grandes problemas ocasionados polos incendios forestais: os problemas hidrolóxicos, de erosión e de contaminación dos solos e as necesidades de alimentación da fauna silvestre supervivente.
Deste xeito, remarcou que a Xunta activou en outubro este plan especial de voluntariado deseñado para contribuír á protección e recuperación daqueles concellos da provincia de Ourense que resultaron afectados polos incendios forestais do pasado verán e que contan dentro do seu territorio con espazos amparados baixo algunha figura de protección.

Así, detallou o delegado territorial que arredor de 500 persoas se despregaron en zonas seleccionadas dunha ducia de concellos ourensáns durante as tres últimas fins de semana de outubro e a primeira de novembro, levando a cabo un total de 22 intervencións, baixo a coordinación e supervisión de axentes ambientais e de persoal técnico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
E concretou que unha das principais tarefas das persoas que participaron nesta iniciativa foi colaborar na colocación de acolchados de palla, fibras de madeira e outros materiais para crear faixas protectoras en zonas afectadas polo lume e con pendentes elevadas.

Os convenios cos concellos
Posteriormente Manuel Pardo visitou o concello de Rubiá, e acompañado do alcalde, Elías Rodríguez, achegouse a unhas das intervención desenvolvidas pola Xunta para salvagardar as captacións de auga do municipio. Deste xeito, colaborouse na colocación de acolchados de palla, fibras de madeira e outros materiais para crear faixas protectoras en zonas afectadas polo lume e con pendentes elevadas.

Alí, lembrou o delegado territorial que a Xunta asinou convenios cos concellos desta comarca por importe de máis de 1,6 millóns de euros para paliar os danos en bens municipais e os gastos derivados das actuacións desenvolvidas para facer fronte ao lume, sendo as entidades locais beneficiarias O Barco de Valdeorras (120.500€), O Bolo (231.166€), Carballeda de Valdeorras (47.066€), Larouco (232.565€), Petín (13.637€), A Rúa (263.714€), Rubiá (192.110€), A Veiga (212.110€) e Vilamartín de Valdeorras (287.845€).

Con estas axudas, entre os gastos que se prevé cubrir, figuran obras de reparación, mantemento ou reposición das infraestruturas, equipamentos ou bens municipais afectados polos incendios, así como de adquisición de material para a reposición dos servizos afectados. Tamén cobren os custos de limpeza e restauración ambiental; ou de alugueiro, combustible e reparación de maquinaria e vehículos. Ademais, finánciase os gastos de traslado, aloxamento e mantemento da poboación evacuada ou do persoal, tanto propio como dos efectivos do operativo de extinción, que o concello tivo que asumir.

Posteriormente o representante Goberno galego trasladouse a San Vicente de Leira para comprobar de primeira man o estado dos traballos de desentullo “grazas a un convenio explícito da Xunta de máis de 47.000 euros.

As axudas na comarca
Manuel Pardo sinalou que o Executivo autonómico xa concedeu 34 axudas a propietarios de vivendas afectadas pola vaga de incendios forestais por un importe de máis de 2,2 millóns de euros na comarca de Valdeorras. Delas, 30 corresponden a inmobles situados en Vilamartín de Valdeorras, 3 en Petín, e unha en Larouco.

Tamén durante a visita, o delegado territorial avanzou que dende a Consellería do Medio Rural vanse investir na provincia de Ourense máis de 1,9 millóns de euros na mellora de infraestruturas viarias, na mellora da rede de drenaxe, na restauración hidrolóxica e de hábitats e na eliminación da madeira queimada; 600.000 euros están destinados á comarca de Valdeorras. Ademais, resaltou a achega de máis de 400.000 euros a 19 comunidades de montes da contorna para paliar os danos desta vaga de lumes.

Por último, aludiu aos máis de 1,5 millóns de kg de herba seca que a Xunta puxo á disposición dos gandeiros da provincia de Ourense para garantir a alimentación do gando nas explotacións afectadas polos incendios forestais.