Feliz 2026! Por unha definición de Santa sostible

Cartas desde Copenhaguen

2025 non decepcionou. Estivo infestado de acontecementos para todo tipo de gustos. Deste carrusel de emocións —aínda en progreso—, destaco o contrasinal do Louvre, os incendios de verán, Trump facendo un “who’s who” dos que toman ou non Ozempic na Casa Branca, Miss Chile invocando ao maligno na gala de Miss Universo, Trump gañando o FIFA Peace Prize, Occidente perdendo todo tipo de superioridade moral fronte ao xenocidio cometido en Gaza, Europa e Putin, Europa e China, Europa e Eurovisión, Europa e os europeos, e o alarmante incremento na porcentaxe de humanos que comezaron relacións afectivas con ChatGPT (algunhas clausuradas en voda)… Non podo máis.

Todo isto sen xutarme nin un triste mg de testosterona, o último berro en como as mulleres podemos tentar chegar ao 31 con algo da manicura sa e salva. Si, como o oes. A testosterona é a nova terapia hormonal para mulleres nos seus 50. Póñencha e, din, cámbiache a vida. A nosa aliada definitiva. Ten unha pequena (e insignificante, claro) contrapartida: esperta o desexo sexual, pero tamén pode dar ganas de resolver conflitos a mamporrazo limpo. Aínda que o sigo analizando, non vexo onde está o problema con este efecto secundario, a verdade. Pero supoño que hai que destacalo. Para que, no mundo pacífico no que vivimos, non nos pille desprevidos se unha muller “loses her shit”. Coa arte que temos cando o facemos. Escóitese Lily Allen.

Aínda así, moitas mulleres lánzanse á testosterona coma se fose Bad Bunny atrapado no teu ascensor. Porque querer follarte ao teu marido (vaia por Deus) e arrincarlle a cabeza aos teus fillos e ao teu xefe non teñen por que ser cousas incompatibles. As mulleres levamos séculos combinando paradoxos con elegancia. Que mal nos pode facer un pouco de testosterona? Din que esta “droga” podería ser o empuxón definitivo que necesitabamos para rematar de expoliar o convento.

E xusto coincide co lanzamento de LUX, de Rosalía. Casualidade? “Mmmm,….”
Aquí temos unha gran oportunidade para redefinir o concepto de Santa. Customízalo ao teu gusto e non sexas unha orca. O climaterio xa non é un retiro espiritual para calcetar tranquila. NON. Váisenos ir das mans? Estamos a xogar con lume? O máis probable. Si a todo, amiga. Pero dáme un chutazo para arrasar en 2026. Nin autoridades sanitarias nin consello de Mari Pili que vallan. Como diría o antigo alcalde de Madrid: Drógate. Se cho di —e faise de ouro— Novo Nordisk para que perdas esa lorza resistente a dietas varias e pilates, non vas ser ti menos para tomar control da hecatombe ata que consigas asimilar a distopía sen perder todos os papeis no proceso.
Para parafrasear a Dylan Thomas: Don’t go gentle into that good night.
Perrea, perrea against the dying of the light.

¡Feliz —ou algo— 2026!.

Raquel Sertaje